ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Maio de 2017


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

A semente prendeu, amigo Neira Vilas

A pasada noite fóisenos o amigo e admirado Xosé Neira Vilas. Bo e xeneroso, dos imprescindíbeis. Agora alá onde estea compartirá mesa e cadeira con Rosalía, Otero Pedrayo ou Castelao. Xa forma parte da tradición. Dos que ergueron un país desde a distancia cando aquí só había medo e morte, dos que puxeron Galicia ás costas e construíron, con orgullo, unha lingua de futuro, e unha terra na que vivir con dignidade. Neira Vilas púxolle voz aos silenciados, aos asasinados pola xenreira e o desprezo, aos homes e mulleres do noso rural, os que foron obrigados a ir á guerra e os que non tiveron máis opción que a emigración. Tantas veces esquecidos, tantas veces ocultados.

Foi un galego de sentimento e de nación. O noso embaixador cando eramos terra comesta polos lobos. Desde a súa editorial e distribuidora de libros galegos en Buenos Aires con Anisia Miranda, Follas Novas e a súa militancia nas Mocedades Galeguistas; os seus anos en Cuba da man de Alejo Carpentier, Nicolás Guillén ou do propio Che Guevara onde, nas súas palabras,"deprendín e exercín fraternalmente a modestia, a solidariedade e o internacionalismo"; até o Neira incansábel dos últimos anos, percorrendo o país de arriba a abaixo desde o seu Gres natal, terra de insuas sobre o Ulla, coa forza necesaria de quen sabe que o país só se ergue co alento das palabras.

E a súa semente prendeu, non podía ser doutro xeito. Hai persoas que non marchan nunca, o seu exemplo é hoxe unha luz no camiño, un guieiro. Balbino reside xa na nosa memoria colectiva e Neira Vilas, como diciamos ao comezo, é xa parte da tradición. Esa que vén do pasado e que, como unha enxurrada necesaria, nos permite soñar cun futuro máis noso.

Grazas Neira, estarás sempre con nós.

Fonte do texto


1. Identifique cal das seguintes ideas recolle mellor a tipoloxía do texto 1:
A Unha necrolóxica en gabanza do escritor Neira Vilas. Correcto?

B Un resumo da historia da literatura galega no século XX. Correcto?

C Unha biografía de Neira Vilas. Correcto?

D Un conto baseado na vida de Neira Vilas. Correcto?

2. A expresión “dos que puxeron Galicia ás costas e construíron, con orgullo, unha lingua de futuro, e unha
terra na que vivir con dignidade
” (
en verde no texto) significa:
A Traballaron a prol da defensa de Galicia e a súa lingua. Correcto?

B Ignoraron Galicia e a súa lingua porque non estaban orgullosos dela. Correcto?

C Traballaron a prol de Galicia pero non a prol da súa lingua. Correcto?

D Marcharon de Galicia. Correcto?

3. A palabra “enxurrada” (en vermello no texto) significa:
A Golpe de vento. Correcto?

B Axuda. Correcto?

C Corrente forte de auga. Correcto?

D Golpe dado cun obxecto contundente. Correcto?

4. As palabras “nunca” (en vermello no texto) e “sempre” (en vermello no texto) son:
A Substantivos. Correcto?

B Conxuncións temporais. Correcto?

C Preposicións.Correcto?

D Adverbios de tempo. Correcto?

5. A palabra “vén” (en vermello no texto) acentúase:
A Cando é presente de indicativo do verbo ver. Correcto?

B Cando é presente de indicativo do verbo vir. Correcto?

C Cando é imperativo do verbo vir. Correcto?

D Cando é imperativo do verbo ver.Correcto?

6. Os vocábulos “xenreira” (en vermello no texto) e “agarimo” son entre eles:
A Sinónimos. Correcto?

B Antónimos. Correcto?

C Homónimos. Correcto?

D Forman parte da mesma familia léxica. Correcto?

7. A oración “Balbino reside xa na nosa memoria colectiva e Neira Vilas é xa parte da tradición” (en verde no texto) podemos clasificala como:
A Subordinada adxectiva. Correcto?

B Coordinada adversativa. Correcto?

C Subordinada adverbial. Correcto?

D Coordinada copulativa. Correcto?

8. Otero Pedrayo e Castelao desenvolven o seu labor literario:
A Nos Séculos Escuros. Correcto?

B No século XIX. Correcto?

C No século XX. Correcto?

D Na Idade Media. Correcto?

9. Na secuencia “E a súa semente prendeu” (en vermello no texto) a forma remarcada é:
A Unha preposición. Correcto?

B Un artigo. Correcto?

C Un pronome persoal. Correcto?

D Un demostrativo. Correcto?

10. Escolla a serie ortograficamente correcta:
A Bolboreta, voda, harmonía, inchar. Correcto?

B Volvoreta, boda, harmonía, hinchar. Correcto?

C Bolboreta, voda, armonía, inchar. Correcto?

D Volvoreta, voda, harmonía, hinchar. Correcto?

TEXTO 2

EU SON…

Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesar do que lle aconteceu por causa miña.

No verán ando descalzo. O po quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doe o lombo e as pernas. Pero o día comeza. Sede, sol, moxardos.

No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sen tentos.¡Que saben disto os nenos da vila!

Eles ignoran o que eu penso mentres boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un fantasma bretemoso en cada árbore.

A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cans ouvean e a xente morre «cando está de Deus», como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes e ata rimos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos.

Neira Vilas, Xosé (1961): Memorias dun neno labrego.

11. O narrador do texto 2 é:
A Un narrador protagonista. Correcto?

B Un narrador omnisciente. Correcto?

C Un narrador testemuña. Correcto?

D Un narrador en 2ª persoa. Correcto?

12. A expresión “non hai quen lle tusa” (en vermello no texto) significa:
A Ninguén lle fai caso. Correcto?

B Todos o respectan. Correcto?

C Ninguén ousa tusir diante del. Correcto?

D Ninguén cre o que di. Correcto?

13. O texto 2 é un texto:
A Argumentativo. Correcto?

B Dramático. Correcto?

C Descritivo. Correcto?

D Narrativo. Correcto?

14. Na secuencia “Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos“ (en verde no texto) aparece a figura retórica denominada:
A Metonimia. Correcto?

B Metáfora. Correcto?

C Anáfora. Correcto?

D Comparación. Correcto?

15. O significado da palabra “monllos” (en vermello no texto) é:
A Brazados de herba seca atados. Correcto?

B Ferramentas agrícolas. Correcto?

C Animal da familia dos bóvidos. Correcto?

D Verzas para o gando. Correcto?

16. Na oración “Eles ignoran o que eu penso mentres boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa” (en verde no texto) a forma remarcada é:
A Un adverbio de tempo. Correcto?

B Unha conxunción temporal. Correcto?

C Unha preposición. Correcto?

D Un adverbio de lugar. Correcto?

17. A forma verbal “tusa” (en vermello no texto) está en:
A Presente de indicativo. Correcto?

B Pretérito de subxuntivo. Correcto?

C Presente de subxuntivo. Correcto?

D Pretérito de indicativo. Correcto?

18. Escolla a serie correcta:
A Eu tuso, ti toses, el/ela/vostede tose. Correcto?

B Eu tuso, ti tuses, el/ela/vostede tuse. Correcto?

C Eu consinto, ti consintes, el/ela/vostede consinte. Correcto?

D Eu fuxo, ti fuxes, el/ela/vostede fuxe. v

19. Na estrutura “Magóanme as areas” (en vermello no texto) a frase remarcada funciona de:
A Complemento directo. Correcto?

B Atributo. Correcto?

C Suxeito. Correcto?

D Complemento axente. Correcto?

20. Escolla a serie correcta:
A Avogado, cobarde, marabilla, ahí. Correcto?

B Avogado, covarde, marabilla, aí. Correcto?

C Abogado, covarde, marabilla, aí. Correcto?

D Abogado, cobarde, maravilla, ahí. Correcto?


Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)
Imaxine que vostede é Balbino e ten que redactar a súa autobiografía. Escriba un texto de 200 palabras no que debe:
- Mencionar as súas orixes e experiencias da infancia e mocidade.
- Presentar a súa situación actual.
- Valorar as expectativas futuras.


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com