ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Setembro de 2016


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

Estou contigo

Supoño que todo tería sido diferente se aos dezaseis anos non decidise achegarme a ti. Non se trata de saber exactamente por que senón de recordar que un día descubrín que non podía seguir vivindo sen estar contigo.

Era como se te vise en todas partes e ao mesmo tempo estabas tan lonxe... E iso que sempre estiveches aí, realmente, ao alcance da man, como esperándome. E só tiven que dar un paso. Ao principio era estraño algunhas veces. Aínda que hoxe descubro en ti cousas novas todos os días, daquela coñecíate pouco.

Lembras cando aquela profe de inglés me dixo que non eras unha boa compañía? Ou cando meu pai puxo aquela cara de pensar preocupado "Pois parece que isto vai en serio"? Nin sequera podo imaxinar como tería sido eu se non decidise que ti formarías parte da miña vida. Tampouco se trata de se tería sido mellor ou peor senón de que sería sinxelamente diferente e é precisamente iso o que me resulta difícil de imaxinar: vivir sen ti.

O que teño claro é que se decidín facelo foi porque me parecías interesante, porque contigo me sentía ben, porque me facías descubrir cousas, porque confiaba en ti e me dabas confianza e sabía que ti sentías o mesmo por min. E porque cando me dei conta souben que xa non era posíbel vivir sen estarmos xuntos. Que nos necesitabamos.

É curioso. Lembro como se sorprendía a xente que me coñecía cando comezou a vernos xuntos. Sorprendíase porque estaba contigo, como se estivese facendo algo inesperado ou estraño. Ou prohibido. Parecían non comprendelo.

Non te coñecían o suficiente. Aínda que sempre lles gustaches máis ou menos, non confiaban en ti. Con ela non vas chegar a ningún lado, dicían. Pouco a pouco foron acostumándose e cambiando de parecer a medida que viron que o noso ía para adiante.

Demostrámoslles que se equivocaban e isto estivo ben.

Así que a miña vida correu por ese camiño contigo e foime ben e mal como a todo o mundo que ten sombra e respira: acabar os estudos, o paro, o primeiro traballo e, en fin, o resto das cousas que vivimos xuntos sabendo que o noso era para sempre.

Quería reflexionar un pouco sobre todo isto e recordar que decidir vivir contigo foi unha das mellores eleccións da miña vida.

Quería dicircho sinceramente: Cambiaches a miña vida e déboche tantas cousas...

Quería dicirche Grazas.

E quería dicirche que estou contigo, miña lingua.


Sechu Sende, Made in Galiza.

1. O tema principal do texto 1 é:

A O amor ao idioma. Correcto?

B A defensa do amor verdadeiro. Correcto?

C A soidade. Correcto?

D A esperanza. Correcto?


2. O protagonista do texto 1 achegouse á destinataria cando era:

A Un neno. Correcto?

B Un adulto. Correcto?

C Un adolescente. Correcto?

D Un ancián. Correcto?


3. A destinataria do texto 1 é a:

A Profesora. Correcto?

B Moza. Correcto?

C Lingua. Correcto?

D Sociedade. Correcto?


4. O narrador do texto 1 séntese:

A Decepcionado. Correcto?

B Orgulloso. Correcto?

C Abraiado. Correcto?

D Triste. Correcto?


5. O texto 1 ten ese título porque o narrador…

A Expresa que non abandonará a destinataria do texto. Correcto?

B Agradécelle ao lector a fidelidade. Correcto?

C Demostra o apoio que lle ten a familia. Correcto?

D Reflexiona sobre a vida. Correcto?

6. Ben (en vermello no texto) e mal (en vermello no texto) son:

A Adxectivos. Correcto?

B Substantivos. Correcto?

C Adverbios. Correcto?

D Determinantes. Correcto?

7. O posesivo meu (en vermello no texto) non leva artigo porque…

A Non está ao comezo da oración. Correcto?

B Acompaña a un nome de parentesco. Correcto?

C Non é un nome propio. Correcto?

D Vai despois dun adverbio. Correcto?


8. Estarmos (en vermello no texto) é:

A Unha perífrase verbal. Correcto?

B Un participio irregular. Correcto?

C Un infinitivo conxugado. Correcto?

D Un imperativo. Correcto?


9. A palabra profe (en vermello no texto) sufriu unha redución gramatical chamada:

A Anáfora. Correcto?

B Metáfora. Correcto?

C Síncope. Correcto?

D Apócope. Correcto?


10. Escolla a opción ortograficamente correcta:

A Varrer, abó, abogada, voda. Correcto?

B Barrer, avó, abogada, boda. Correcto?

C Barrer, abó, avogada, boda. Correcto?

D Varrer, avó, avogada, voda. Correcto?

TEXTO 2

O galego no mundo

Por número de falantes o galego ocupa o lugar 160 entre as 5.500 linguas do mundo, o lugar 23 entre as 150 linguas europeas e é a segunda lingua europea máis falada entre as non oficiais en ningún estado. O galego ten máis falantes que algunhas linguas oficiais europeas como eslovaco, esloveno, maltés, islandés e gaélico e, xunto con vasco e catalán, son as tres únicas linguas europeas non oficiais de estados que poden ser utilizadas nas institucións da Unión Europea. Se ben as últimas estatísticas indican que o uso do galego descendeu moito entre a xente nova e urbana −debido á perda de transmisión familiar e á insuficiencia das medidas normalizadoras−, o galego aínda segue a ser a lingua habitual do 40% dos habitantes de Galicia, mentres que outro 35% usa indistintamente galego e castelán en función das circunstancias. As estatísticas tamén indican que o 98% dos galegos entende o galego sen dificultade, isto é, ten un coñecemento pasivo que se podería activar se se introducisen medidas claras que favorecesen o seu uso. Nos territorios exteriores de lingua galega, o uso do noso idioma abala entre o 35 % de uso no occidente de León e un 75-90 % no resto das zonas (Asturias, Zamora e Cáceres).

Á parte de todo isto, o galego é intercomprensible oralmente e por escrito co portugués, por iso os galegofalantes teñen un acceso moi doado a 250 millóns de persoas que se expresan en portugués, a sexta lingua máis falada no mundo. Co galego podemos percorrer territorios lusófonos como Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Timor Leste, Macau-China… entendendo e facéndonos entender sen problemas.

Malia todo este dinamismo e vitalidade, e as vantaxes internacionais da intercomprensión co portugués, o galego ten un serio problema porque aínda non deu contido a perda de falantes ocasionada por históricas políticas de desprestixio e prexuízos sociais. As iniciativas normalizadoras non lograron a erradicación deses prexuízos e dos medos aos usos públicos da lingua.

RAG

11. Escolla outro título para o texto 2:

A A lingua galega en Galicia. Correcto?

B Radiografía do galego. Correcto?

C Galegofalantes en aumento. Correcto?

D A normalización do galego no Brasil. Correcto?


12. A causa da perda de falantes novos segundo o texto 2 é:

A A falta de publicidade en galego. Correcto?

B A pouca comprensión oral e os prexuízos cara á lingua. Correcto?

C A perda da transmisión xeracional e a escasa normalización. Correcto?

D As reducidas vantaxes internacionais. Correcto?


13. Segundo o texto 2, o galego está nunha situación…

A Desfavorable no ámbito europeo por ser unha lingua pouco valorada. Correcto?

B Crítica con respecto ao número de falantes e á falta de comprensión. Correcto?

C Positiva en canto ao número de falantes respecto ás linguas do mundo. Correcto?

D Óptima por ser a sexta lingua do mundo máis falada. Correcto?


14. Identifique que tipo de texto é o texto 2:

A Expositivo. Correcto?

B Dialogado. Correcto?

C Dramático. Correcto?

D Instrutivo. Correcto?


15. Do texto 2 podemos concluír que…

A O galego precisa manter os falantes e desbotar prexuízos. Correcto?

B O galego non é unha lingua oficial. Correcto?

C O galego e o portugués son a mesma lingua na actualidade. Correcto?

D A normalización da lingua acadou os obxectivos. Correcto?


16. Lusófonos (en vermello no texto) significa:

A Cidadáns do Brasil. Correcto?

B De fala portuguesa. Correcto?

C Da Idade Media. Correcto?

D De fácil comprensión. Correcto?


17. Se (en vermello no texto) é:

A Un pronome. Correcto?

B Unha conxunción. Correcto?

C Unha preposición. Correcto?

D Un determinante. Correcto?


18. A oración O galego é intercomprensible oralmente (en vermello no texto) clasifícase como:

A Afirmativa e transitiva. Correcto?

B Enunciativa e transitiva. Correcto?

C Enunciativa e copulativa. Correcto?

D Exhortativa e copulativa. Correcto?


19. Máis (en vermello no texto) acentúase por ser:

A Palabra grave. Correcto?

B Un adverbio. Correcto?

C Unha conxunción. Correcto?

D Palabra aguda. Correcto?


20. Escolla a serie ortograficamente correcta:

A Azules, luns, mainotas, axedrez. Correcto?

B Azuis, luns, maniotas, xadrez. Correcto?

C Azules, lunes, mainotas, xadrez. Correcto?

D Azuis, luns, maniotas, axedrez. Correcto?


Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)
Vostede estuda unha materia que se chama Socioloxía galega e debe entregar un traballo. Tras ler o relato de Sechu Sende decide facelo sobre a situación da lingua galega e a mocidade. Redacte un texto de 200 palabras no que debe:
• Xustificar a escolla do tema.
• Expoñer cal é, segundo o seu modo de ver, a situación actual da lingua galega.
• Comparar o uso da lingua nas zonas urbanas e rurais.
• Propoñer algunha medida normalizadora.


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2017
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com