ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Maio de 2016


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


Que me queres, cabrón

Que o sol levara dúas horas presidindo o horizonte matinal non era a causa da súa alegría. Saltou da cama, puxo os pantalóns curtos e correu contra a cociña. Mamá, vou buscar o pan. Mirou o reloxo e acelerou o paso. Entrou na panadaría e buscou o expositor pequeno. Detrás estaba ela: dúas coletas e un vestido azul con moitas néboas brancas. Gobernaba con soberbia o familiar reino da fariña. Ela marchaba para o colexio e el saía detrás. Cruzaban o labirinto do mercado. Ela subía pola costa das verzas, el rodeaba correndo pola dos zocos para cruzarse e saudala. A rapaza, case sen responder, seguía polos postos da froita. El corría de novo entre os vellos fielatos para chegar primeiro ao cruce da praza. Volvía encontrarse coa raíña para enviarlle un tímido ola. Camiño dos postos de flores corría co corazón delatando os nervios, entre as rosas mirábaa por última vez erguendo a man dereita en forma de sinal. Miraba como esmorecía entre a xente e marchaba co peito encollido á escola. Día tras día, voaba sobre os tenderetes e, desbocado, alimentaba os encontros a medias conquistador, a medias vencido. Que o sol fose especialmente intenso aqueloutra mañá non era a causa da súa alegría. Repetiu a cerimonia da persecución ata que viu as coletas entre o fume dos churros e salvou a distancia con présa. Mirouna achegarse e abriu os labios para saudar, a ela alumeáronlle os ollos antes de cravarlle: que me queres, cabrón. Quedou inmóbil, incauto coma un león fronte ao mar.

Camilo Franco, Por conto alleo.

1. O refrán máis acaído á situación que expresa o texto 1 é:

A Amor con amor se paga. Correcto?

B Non hai cousa máis humilde que o amor cando pretende. Correcto?

C Amor louco, eu por vós e vós por outro. Correcto?

D Amor pasaxeiro, tantas vexo tantas quero. Correcto?


2. O significado do verbo “esmorecer” (en vermello no texto) no contexto é:

A Apurar o paso. Correcto?

B Desaparecer. Correcto?

C Destacar. Correcto?

D Aparecer. Correcto?


3. O protagonista do texto 1 séntese:

A Descolocado. Correcto?

B Enganado. Correcto?

C Desesperanzado. Correcto?

D Destruído. Correcto?


4. O narrador é:

A O neno protagonista. Correcto?

B A nena protagonista. Correcto?

C Outro personaxe da historia. Correcto?

D Alguén alleo aos feitos. Correcto?


5. Que recurso está presente na expresión “o sol levara dúas horas presidindo o horizonte” (en vermello no texto)?

A Metáfora. Correcto?

B Personificación. Correcto?

C Hipérbole. Correcto?

D Aliteración. Correcto?


6. Elixa a serie coa ortografía correcta.

A Covarde, avoa, goberno, ribeira, avogado. Correcto?

B Cobarde, aboa, governo, riveira, abogado. Correcto?

C Cobarde, avoa, goberno, ribeira, avogado. Correcto?

D Covarde, aboa, governo, riveira, abogado. Correcto?


7. Que clase de palabras son “matinal” e “soberbia” (en vermello no texto)?

A Os dous son substantivos. Correcto?

B Son un adxectivo e un substantivo, respectivamente. Correcto?

C Son un substantivo e un adxectivo, respectivamente. Correcto?

D Os dous son adxectivos. Correcto?


8. A perífrase “vou buscar” (en vermello no texto):

A É unha perífrase de futuro que pode levar a preposición “a”. Correcto?

B É unha perífrase de futuro que non pode levar a preposición “a”. Correcto?

C É unha perífrase de futuro que se usa con verbos de acción. Correcto?

D É unha perífrase de futuro que inclúe un matiz modal de obriga. Correcto?


9. A serie correcta de preposicións é:

A Contra, entre, por, quizais, so. Correcto?

B Contra, entre, por, sen, so. Correcto?

C Contra, entre, por, seica, sen. Correcto?

D Contra, entre, non, por, sen. Correcto?


10. Identifique a familia léxica correcta.

A Nervio, nervioso, ansia, nervión. Correcto?

B Óxido, oxidado, ferruxe, ferro. Correcto?

C Froita, froiteiro, frutífero, fractal. Correcto?

D Leite, leiteira, lácteo, lactobacilo. Correcto?

Os celos: amor ou sentimento de posesión?

Os celos foron, desde hai séculos, argumento recorrente e fértil da literatura aínda que constitúan tamén o xermolo de demasiados sucesos desgraciados.

Pero, que son os celos? Poderiamos definilos como un estado emotivo ansioso que padece unha persoa e que se caracteriza polo medo ante a posibilidade de perder o que se posúe-ten, ou se considera que se ten-posúe, ou se debera ter-posuír (amor, poder, imaxe profesional ou social...). No ámbito sentimental, o trazo máis acusado dos celos é a desconfianza e sospeita permanentes no outro que tinxen, e prexudican gravemente, a relación coa persoa amada.
A maioría entendemos por celos ese confuso, paralizador e obsesivo sentimento causado polo temor de que a persoa depositaria do noso amor prefira a outra en lugar de a nós. Cando se amosa na súa forma aguda, a orixe dos celos hai que buscala en situacións neuróticas ou, en xeral, psicopáticas. Algúns autores cren que o sentimento dos celos é universal e innato. Linton, por exemplo, ve unha proba desta tese no feito de que nas Illas Marquesas, onde a liberdade sexual é practicamente total, os indíxenas manifestan os seus celos só cando están ebrios;é dicir, cando o seu control voluntario, o seu raciocinio, diminuíu. Pola contra, outros psicólogos, coma O. Klineberg, sinalan que este sentimento é de orixe cultural e que os celos non dependen do desexo ou necesidade de goce exclusivo dos favores do outro, senón do "estatuto" social. Nas sociedades monogámicas coma a nosa, e sempre segundo este autor, o adulterio só provoca reaccións celosas na medida en que orixina inseguridade (material ou afectiva) ou afecta ao prestixio e á honra. Son dúas teorías relativamente antagónicas, pero como ocorre con frecuencia, perfectamente complementarias. Podemos pensar, polo tanto, que cando nos amosamos celosos experimentamos sensacións inherentes á nosa condición de seres humanos e,á vez, manifestamos un comportamento adquirido e herdado da nosa cultura e modus vivendi.

Revista Consumer Eroski

11. Elixa o enunciado que considere unha das teses do texto 2.

A Os celos prodúcense por enfermidades graves de quen os padece. Correcto?

B Os celos orixínanse por causa da infidelidade na parella. Correcto?

C Os celos orixínanse por causa da inseguridade de quen os padece. Correcto?

D Os celos prodúcense pola falta de sinceridade da persoa amada. Correcto?


12. Que os celos sexan “o xermolo de demasiados sucesos desgraciados” (en vermello no texto) significa que:

A Neles está a orixe de moitos problemas. Correcto?

B Son a consecuencia de problemas anteriores. Correcto?

C Son consubstanciais a problemas serios na parella. Correcto?

D Neles maniféstanse os problemas de parella. Correcto?

13. Cos celos “manifestamos un comportamento adquirido e herdado da nosa cultura e modus vivendi” (en vermello no texto). Isto significa que constitúen un comportamento:

A Involuntario, inconsciente. Correcto?

B Innato, connatural. Correcto?

C Aprendido, social. Correcto?

D Imposto, obrigado. Correcto?


14. O texto 2 expón claramente:

A Unha análise das posibles causas e manifestación dos celos. Correcto?

B Unha exposición detallada das consecuencias dos celos. Correcto?

C Unha descrición dos resultados dun estudo de investigación. Correcto?

D Unha síntese dos resultados dunha enquisa sobre o tema. Correcto?

 

15. Elixa a serie de palabras acentuadas por seren agudas.

A “É” (do verbo “ser”) e “cómpre” (do verbo “cumprir”). Correcto?

B “Irmán” e “camión”. Correcto?

C “Xermolo” e “psicólogo”. Correcto?

D “Teoría” e “diminuído”. Correcto?


16. Elixa a serie ortograficamente correcta.

A Biscoito, lapis, estranxeiro, esquerda. Correcto?

B Bizcoito, lápiz, extranxeiro, ezquerda. Correcto?

C Biscoito, lapis, extranxeiro, esquerda. Correcto?

D Bizcoito, lápiz, estranxeiro, ezquerda. Correcto?

 

17. Identifique a serie que contén dous substantivos.

A Celos, sexual. Correcto?

B Sentimento, orixinario. Correcto?

C Reacción, concreción. Correcto?

D Inseguridade, involuntaria. Correcto?

18. Identifique en que secuencia o valor da perífrase verbal é o correcto.

A A orixe hai que buscala noutro ámbito (valor: obriga). Correcto?

B Houberon de ter un conflito por causa dos celos (valor: dúbida). Correcto?

C Despois da tensión parece que quere vir a calma (valor: reiteración). Correcto?

D Se non mellorase a relación habiamos ter un conflito (valor: futuro). Correcto?

19. Identifique a serie correcta de palabras compostas.

A Monogámico, non-violencia. Correcto?

B Camposanto, predicir. Correcto?

C Afialapis, sapoconcho. Correcto?

D Cadanseu, ex-fumador. Correcto?

20. Identifique a serie de sinónimos.

A Antagónico, contrario. Correcto?

B Adulterio, promiscuidade. Correcto?

C Xesto, aparencia. Correcto?

D Psicopático, pernicioso. Correcto?


Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)
Vostede é familiar dunha persoa que sofre celos patolóxicos. Sabe que a facultade de Psicoloxía está a desenvolver un programa piloto con voluntarios para o tratamento dos problemas de parella. Diríxase a eles para solicitar que o seu familiar entre nese programa. Redacte unha solicitude con 300 palabras.
Debe presentarse cortesmente e indicar como coñeceu o programa da facultade; deseguido presentará o problema do seu familiar describindo a situación que produce o conflito. Identifique a actitude do seu familiar respecto desta petición de axuda e as súas expectativas sobre o funcionamento do programa.


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com