Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel -ogalego.eu // ogalego.gal


Xunta de Galicia
Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior
2014 opción azul (a opción amarelo é o mesmo coa orde das preguntas cambiadas)


LINGUA GALEGA

1. Formato da proba
Formato
* A proba consta de vinte cuestións tipo test.
* As cuestións tipo test teñen tres posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
* Puntuación: 0.50 puntos por cuestión tipo test correctamente contestada.
* Por cada cuestión tipo test incorrecta restarase 0.125 puntos.
* Polas respostas en branco non se descontará puntuación.
Duración
* Este exercicio terá unha duración máxima de: 60 minutos.


Convén tomar do número de respostas acertadas á primeira, das erradas e das que non se responden para poder calcular a puntuación final

Para poder ver as respostas correctas cómpre ter activado JavaScript no navegador


Texto 1

A temática das lendas castrexas é variada. Vai desde a que se refire aos mouros e mouras como habitantes dos castros, (...) ata a que fai referencia a enterramentos, tesouros, emprazamentos castrexos, infraestruturas subterráneas agochadas, encantamentos, trabes, animais (touros, cabalos, cobras, galiñas, pitiños...), ou á noite de San Xoán. Existe variedade en canto aos personaxes lendarios que poboaron castros, monumentos prehistóricos (mámoas...), e incluso algunhas paraxes destacadas do mundo rural (fontes, penedos...). Entre eles sobresaen os mouros como construtores das mámoas e dos castros e de calquera outro monumento que presente algunha particularidade (...).
Con respecto aos mouros, estes non son auténticos musulmáns, xa que comen carne de porco, beben viño, e incluso as mouras son fermosas louras de pel branca. Máis ben os mouros son asimilados ao outro, ao estraño e ao antigo, converténdose nunha especie de tribo máxica á que se lle atribúen fenómenos supranormais ou lugares que requirían unha explicación polo que toca á historia popular, como os monumentos prehistóricos. Personificando o alleo, serven, por contraposición, para definir o que é propio. Todo aquilo que non é asumido culturalmente polo grupo é mouro e adscríbese á mourindade. De aí que hoxe non se poida aceptar a idea de que detrás dos mouros está o recordo dos habitantes prehistóricos de Galicia. Tal como dicía Vicente Risco, os mouros serían unha creación simbólica dos campesiños galegos que serviría para expresar certas ideas e inquietudes da comunidade rural.
Esta faceta dos mouros (e outros seres sobrenaturais e míticos que poboan os castros) como contrapostos aos homes apréciase nunha serie de trazos fundamentais: viven baixo terra (sobre todo dentro de castros, mámoas, rochas, covas ou minas), teñen unha actividade fundamentalmente nocturna, non son cristiáns e ás veces posúen carácteres diabólicos, empregan diferente lingua (utilización do castelán fronte ao galego dos veciños), e son posuidores de grandes riquezas (os seus obxectos, ata os da vida cotiá, soen ser de ouro) e gardiáns de tesouros encantados mediante poderes especiais.
Pola contra, os humanos caracterízanse por viviren na superficie, teren unha actividade fundamentalmente diúrna, seren cristiáns, utilizaren o galego nos seus diálogos, non posuíren riquezas nin tesouros, basearen a súa actividade económica na produción agrogandeira e non teren poderes especiais (a non ser que algún mediador llelos facilite).
De modo particular, entre a mourindade castrexa, destacan as mouras. Estas, cargadas dun simbolismo referido a un primitivo culto á fertilidade, soen estar asociadas á noite de San Xoán e integradas dentro dunha estrutura “muller – serpe – auga – Lúa”, cuxa orixe estaría en pobos neolíticos paleomatriarcais. A súa presenza nas lendas vencéllase a aquelas que posúen un certo carácter moralizante. Así atopamos a moura que aparece peiteando coidadosamente os seus longos cabelos (xeralmente de noite e cerca dunha fonte). Estes encantos soen ter a pel clara e o cabelo louro, ademais de gozaren dunha gran beleza, algo que as converte en mulleres sedutoras polas que os homes quedan engaiolados.

Antonio Presas García e Xoán Carlos García Porral.
O mundo dos castros, Faro de Vigo (2014). [adaptación]

1. Segundo os autores, as mouras son:
A Seres lendarios de pel clara e cabelo louro que simbolizan o culto á fertilidade. Correcto?

B Habitantes dos asentamentos prehistóricos galegos que teñen poderes especiais. Correcto?

C Personaxes literarios que non posúen riquezas senón que viven da agricultura. Correcto?

2. Segundo os autores, os mouros son:
A Seres lendarios que habitan lugares arqueolóxicos segundo a crenza popular. Correcto?

B Habitantes dos asentamentos neolíticos galegos na época da conquista romana. Correcto?

C Personaxes literarios que aparecen nas obras dalgúns escritores. Correcto?

3. Segundo o texto, cal é a serie de afirmacións correcta?
A Os habitantes prehistóricos dos emprazamentos castrexos son cristiáns, personifican o alleo, serven para definir o propio, son gardiáns de tesouros encantados mediante poderes especiais e teñen unha actividade fundamentalmente diúrna. Correcto?

B Os mouros teñen unha actividade fundamentalmente nocturna, basean a súa actividade económica na produción agraria, non teñen poderes especiais, non posúen riquezas nin tesouros, viven na superficie e utilizan o galego nos seus diálogos. Correcto?

C Os seres lendarios que habitaron os castros son variados, convértense nunha especie de tribo máxica á que se lle atribúen fenómenos supranormais e constitúen unha creación simbólica dos campesiños galegos para expresar certas ideas. Correcto?

4. Na palabra paleomatriarcais [subliñado no texto] o elemento de orixe grega “paleo-“ significa:
A Semellante. Correcto?

B Estranxeiro. Correcto?

C Antigo. Correcto?

5. Segundo os autores, a palabra mourindade [subliñado no texto] refírese a un conxunto de:
A Personaxes literarios que representan o recordo dos habitantes prehistóricos. Correcto?

B Seres lendarios cuxas características personifican o alleo á comunidade rural. Correcto?

C Habitantes das aldeas galegas que se dedican á produción agraria e gandeira. Correcto?

6. Cal é a serie de palabras correcta?
A Orvallo, avelá, almorávide, veira, valeiro, bolboreta, biosbardos, baía, bispo, móvil. Correcto?

B Orballo, abelá, almorábide, beira, baleiro, bolboreta, biosbardos, baía, bispo, móbil. Correcto?

C Orvallo, avelá, almorávide, veira, valeiro, volvoreta, viosvardos, vaía, vispo, móvil. Correcto?

7. Cal é a serie de palabras correcta?
A Triple, vinte e dous, dazanove, tres centas dúas, décimo oitava. Correcto?

B Triple, vintedous, dezanove, trescentasdúas, décimoitava. Correcto?

C Triplo, vinte e dous, dezanove, trescentas dúas, décimo oitava. Correcto?

8. Cales son os emparellamentos correctos?
A Igni- = lume; oro- = boca; helio- = sol; caco- = malo; pseudo- = falso. Correcto?

B Melo- = froita; poli- = varios; psico- = alma; xilo- = estranxeiro; pan- = cereal. Correcto?

C Pótamo- = cabalo; foto- = luz; bio- = célula; iso- = diferente; termo- = morno. Correcto?

9. Cal destas oracións contén un erro ortográfico?
A Se non estudas os temas, suspenderás o exame. Correcto?

B Non os coñezo se non a través das fotos que me ensinaches. Correcto?

C Vai rápido, se non, non chegarás a tempo. Correcto?

10. Cal destas oracións contén un pronome persoal átono incorrectamente colocado?
A Che chegou con ese prato de comida? Correcto?

B Seica lle deron un posto de vixilante. Correcto?

C Moito vos aburriades aquelas tardes de inverno. Correcto?

Texto 2

Londres estrea a maior ponte solar do mundo
Como nos anos da Revolución Industrial, o silencioso río Támesis ao seu paso polo centro de Londres é testemuña doutro fito tecnolóxico. Esta vez é a instalación do primeiro teito de placas solares sobre a ponte ferroviaria de Blackfriars, que xerará a metade da enerxía que consome a estación en que desembocan a ponte e as vías do tren. En total encaixáronse 4.400 paneis fotovoltaicos que reducirán as emisións de dióxido de carbono (CO2) nunhas 511 toneladas anuais, máis ou menos as que xeran 89.000 viaxes en coche.
A inauguración do teito solar este luns tivo un sabor moi inglés. Os miles de pasaxeiros que pasan cada día pola estación de tren de Blackfriars, que une a City -o sector financeiro de Londres- co sueste da cidade, foron obsequiados cunha cunca de té gratuíta. A explicación deste agasallo é a seguinte: a nova cuberta ecolóxica fabrica enerxía suficiente para producir 80.000 cuncas de té por día.
En total, as placas solares ocupan 6.000 metros cadrados e forman un teitume que foi amalgamado nos últimos dous anos por uns 9 millóns de euros. A construción do tellado solar empezou en outubro do 2011 e, alén de Panasonic, a firma fabricante dos paneis, participaron tamén a compañía Solar Century, que se responsabilizou da instalación das placas, e a empresa First Capital Conect, que opera os trens da estación citada.
A pioneira cuberta, situada nunha cidade na cal o sol non loce precisamente a diario, contribuirá a diminuír as emisións de dióxido de carbono. En Londres o 22% destas emisións proceden do transporte en xeral. O tellado solar de Blackfriars estase convertendo, ademais de nunha xesta tecnolóxica e ecolóxica, nunha nova icona da cidade, porque se observa desde varios quilómetros ao longo do río Támesis e mais xunto á catedral de San Paulo.
A ponte de Blackfriars, de feito, está formada por dúas próximas e en paralelo, a ferroviaria e agora cuberta, e a destinada aos coches e peóns. Como a maioría das pontes sobre o Támesis ao seu paso polo centro de Londres, foi construída no século XIX. Non se construíu ningunha ponte durante o século XX ata a do Milenio no ano 2000. A de Blackfriars foi inaugurada pola raíña Victoria en 1869, tras nove anos de construción. Foi bautizada co nome do primeiro ministro William Pitt (1759–1806), pero impúxose o nome popular de Blackfriars facendo referencia a un mosteiro da Orde Dominica que houbo alí de 1278 a 1538. A orde foi fundada polo español Domingo Félix de Guzmán (1170-121), natural de Caleruega (Burgos).

Conxa Rodríguez. Londres, 4 de febreiro de 2014
http://www.elmundo.es/

11. Segundo a autora:
A Na construción do teito solar participaron tres empresas ao longo de dous anos. Correcto?

B A ponte inaugurouse no século XVIII, sendo primeiro ministro William Pitt. Correcto?

C O río Támesis posúe varias pontes con teitos solares ao longo de varios quilómetros. Correcto?

12. Cal é a afirmación correcta?
A A empresa que fabricou os paneis solares non se encargou da súa instalación. Correcto?

B A metade das emisións de CO2 da cidade procede do sistema de transporte. Correcto?

C A maior parte das pontes sobre o río construíronse durante os últimos cen anos. Correcto?

13. A instalación de paneis solares está a facerse sobre:
A Dúas pontes próximas situadas en paralelo. Correcto?

B Unha ponte de tren. Correcto?

C O teito dunha estación. Correcto?

14. Os paneis fotovoltaicos permitirán:
A Reducir as emisións de dióxido de carbono orixinadas polos coches da cidade.Correcto?

B Producir miles de cuncas de té cada día para os pasaxeiros do ferrocarril. Correcto?

C Xerar o 50 % da enerxía que necesita a estación de tren de Blackfriars. Correcto?

15. No texto, a palabra xesta [subliñado no texto] significa:
A Cambio producido en algo. Correcto?

B Conxunto de feitos memorables. Correcto?

C Acción de avanzar. Correcto?

16. No texto, a palabra icona (subliñado no texto] significa:
A Obra construída na honra de alguén ou de algo para que sexa recordado permanentemente. Correcto?

B Signo que representa unha idea ou obxecto cos que mantén unha relación de semellanza. Correcto?

C Edificio destinado a albergar moitas persoas, todas elas unidas por algunha característica afín. Correcto?

17. Cal é o tempo verbal correcto?
A Valdría, valdrías, valdría, valdríamos, valdríades, valdrían. Correcto?

B Crin, criches, creu, cremos, crestes, creron. Correcto?

C Salgo, sales, sale, salimos, salides, salen. Correcto?

18. Cal destas oracións contén un infinitivo flexionado correctamente utilizado?
A Para valorarmos correctamente os datos, debemos coñecer a fiabilidade da enquisa. Correcto?

B Neste momento están a daren as doce do mediodía. Correcto?

C Non poden deixaren de reivindicar os seus dereitos. Correcto?

19. Cal destas oracións contén unha cláusula subordinada substantiva en función de suxeito?
A Que poida vivir así é un milagre. Correcto?

B Precisa de quen o axude. Correcto?

C Dime se vas ir á asemblea este sábado. Correcto?

20. Cal é a serie de palabras correcta?
A Quilogramo, cuadrimestre, arquivo, contía, kurdo, bacallau, caderno, psicanálise. Correcto?

B Kilogramo, cuadrimestre, arquivo, cuantía, curdo, bakalao, caderno, psicoanálise. Correcto?

C Kilogramo, cuatrimestre, archivo, cuantía, kurdo, bacalao, cuaderno, psicoanálise. Correcto?


Nº de respostas correctas (C)
Nº de respostas incorrectas (Z)

Puntuación do test = C x 0.5-Z x 0.125
Nas preguntas de test, por cada resposta incorrecta descontaranse 0.125 puntos.
As respostas en branco non descontarán puntuación.

2005-2024