Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel -ogalego.eu // ogalego.gal


Xunta de Galicia
Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior
2011, extraordinaria, maio, opción azul (a opción amarelo é o mesmo coa orde das preguntas cambiadas)


LINGUA GALEGA

1. Formato da proba
Formato
* A proba consta de vinte cuestións tipo test.
* As cuestións tipo test teñen tres posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
* Puntuación: 0.50 puntos por cuestión tipo test correctamente contestada.
* Por cada cuestión tipo test incorrecta restarase 0.125 puntos.
* Polas respostas en branco non se descontará puntuación.
Duración
* Este exercicio terá unha duración máxima de: 60 minutos.


Convén tomar do número de respostas acertadas á primeira, das erradas e das que non se responden para poder calcular a puntuación final

Para poder ver as respostas correctas cómpre ter activado JavaScript no navegador


Texto

Querida Nafissatou:

Escribo para comunicarche a morte do teu irmán. Teño a boca pesada, dorida. O silencio aburatoume o corpo, inzoume as veas con avelaíñas mortas, e agora sinto que todo me ferve por dentro, a piques de rebentar. A miña boca wolof está abrasada coma un tizón. E, con todo, aquí, os nosos, a xente do Senegal, os que decidiron emigrar a Europa en busca de mellor sorte, contan moitas mentiras. Quero dicir, que as contan cando escriben as súas cartas á casa. Se cadra é o medo ao fracaso. Se cadra, a vergoña. Pero, sinceramente, as cousas non son doadas para nós: por veces a vida aquí resulta abafante, moito máis que no noso país, aínda que ninguén estea disposto a confesarllo á súa familia, tan distante, no Senegal, a tantos días do voo das aves. Eu escríboche para comunicarche a morte do teu irmán pero tamén porque necesito desafogarme.
Ti es sabedora das condicións en que saímos do país, así que aforrarei relatarche as penalidades que tivemos que sufrir até chegar ás afastadas costas de Marrocos. Ademais, non vou entrar en miudezas, porque a cantidade de sucesos que tiveron lugar foron moitos, demasiados para seren contados. Abondarache con saber, en todo caso, que a fatiga infinita que nos invadía ao chegar á costa non nos fixo desfalecer, a pesar do meu estado, e aínda nos deu forzas para acometer a parte máis perigosa da viaxe: a de atravesar o perverso mar que nos había levar ás desexadas costas europeas.
Aquela noite esperamos que a escuridade agachase co seu inmenso corpo os perfís das cousas, e ás tres da mañá, seguindo as indicacións de quen nos tiña nas súas mans, embarcamos nunha praia de Tánxer. Era unha barca fráxil, inestable, que avanzaba torpemente, vacilante coma a casca dun cocoteiro entre a crecente forza daquelas ondas. A travesía semellaba interminable, tan difícil e arriscada que o medo acabou por instalarse na expresión de cada un dos amoreados pasaxeiros. Polo tempo transcorrido, xa non debiamos estar moi lonxe da costa cando a barca envorcou. Esa foi a derradeira vez que o vin vivo, Nafissatou. O teu irmán Assane, o meu home, desapareceu, canda os outros tripulantes, deglutido polo mar. Eu tamén tería ido a pique, con toda a gravidez do meu ventre, se non chega a ser porque a sorte me amarrou á única corda da embarcación.
Ignoro canto tempo tardei en desfalecer; só sei que algunhas horas despois o meu vencido corpo embarrancara nun solitario rochedal da costa. A partir dese momento a miña vida deambulou por un ronsel de atordamento: perturbada pola desaparición de Assane, asustada, soa, á deriva nunha terra descoñecida, sen cartos –levábaos todos el– e sen máis referente que un nome, o de Mamadou, o amigo que nos axudaría nun borroso lugar do norte chamado Algorta, a moitos quilómetros de distancia.

Fran Alonso: Cartas de amor (2006)

1. A voz narradora é:
A A irmá de Nafissatou. Correcto?

B A amiga de Nafissatou. Correcto?

C A cuñada de Nafissatou. Correcto?

2. O tema principal do texto é:
A A comunicación da morte de Assane tras a viaxe desde África. Correcto?

B As penalidades que sofren os inmigrantes que veñen a Europa. Correcto?

C A descrición da travesía en barca desde unha praia de Tánxer.Correcto?

3. A viaxe fíxose:
A Por mar desde o Senegal e logo por terra para embarcar ata unha vila española. Correcto?

B Por terra ata Marrocos e logo desde alí por mar ata a costa española. Correcto?

C Por mar ata Tánxer e logo por terra ata coller un ferry a unha cidade española. Correcto?

4. Segundo a voz narradora, os senegaleses:
A Non contan a verdade nas súas cartas ás familias. Correcto?

B Consideran que as cousas son doadas para eles. Correcto?

C Están dispostos a enviar diñeiro aos seus parentes. Correcto?

5. Segundo a voz narradora:
A Só ela tivo a sorte de sobrevivir e os outros pasaxeiros morreron todos. Correcto?

B Varios inmigrantes lograron alcanzar a costa agarrados aos restos da barca. Correcto?

C Sobreviviron algúns dos outros tripulantes e a ela rescatárona do mar. Correcto?

6. Cal é a serie de palabras correcta?
A Xudeu-xudía, folgazán-folgazana, cru-crúa, vacún-vacúa. Correcto?

B Xudío-xudea, folgazán-folgazá, cru-cruda, vacún-vacuna. Correcto?

C Xudío-xudía, folgazán-folgazana, crudo-cruda, vacuno-vacuna. Correcto?

7. O verbo “inzar” (liña 1: “inzoume as veas”) significa:
A Colorar, arroibar, avermellar. Correcto?

B Atoar, atascar, tupir. Correcto?

C Infestar, invadir, ocupar. Correcto?

8. Cal é a serie de palabras correcta?
A Luna, volar, persona, mola, laguna, arena, vixilar. Correcto?

B Luna, volar, persoa, moa, lagoa, area, vixilar. Correcto?

C Lúa, voar, persoa, moa, lagoa, area, vixiar. Correcto?

9. A anteposición do pronome persoal átono (proclise) dáse:
A En enunciados afirmativos, como regra xeral: Me dixeron que esperase. Correcto?

B En enunciados negativos, se a negación vai antes do verbo: Non me chamo Inés. Correcto?

C En enunciados interrogativos, sen pronome que os introduza: Lle mandou facer iso? Correcto?

10. Cal é a correcta asociación de normas e exemplos?
A As palabras túnel e débil forman o plural cambiando o –l por –is: tuneis e debis. Correcto?

B As palabras cruel e fiel forman o plural cambiando o –l por –is: crueis e fieis. Correcto?

C As palabras caracol e funil forman o plural engadindo –es: caracoles e funiles. Correcto?

11. Cal destes usos e valores do demostrativo é correcto?
A Daquela pode funcionar como adverbio de tempo. Correcto?

B Nisto pode funcionar como substantivo con valor non definido. Correcto?

C Nesas pode funcionar como adverbio de lugar. Correcto?

12. Cal é a serie de participios irregulares correcta?
A Collido, fritido, gastado, torcido, cansado. Correcto?

B Suxeito, aceso, enxoito, impreso, suspenso. Correcto?

C Ceibado, escorrido, gañado, comido, soltado. Correcto?

13. Cal é a forma verbal correctamente analizada?
A Puidesen: 3ª persoa do plural do pretérito imperfecto de subxuntivo. Correcto?

B Fostes: 2ª persoa do plural do pretérito imperfecto de indicativo. Correcto?

C Poñiamos: 1ª persoa do plural do pluscuamperfecto de indicativo. Correcto?

14. Cal é a serie de palabras correcta?
A Blusa, plato, craridade, ablandar, groria, frecha, pranta. Correcto?

B Brusa, plato, claridade, ablandar, gloria, flecha, planta. Correcto?

C Blusa, prato, claridade, abrandar, gloria, frecha, planta. Correcto?

15. Cal é a serie de palabras correcta?
A Valeiro, garabanzo, maravilla, baranda, reventar, escarabello. Correcto?

B Baleiro, garavanzo, marabilla, varanda, rebentar, escaravello. Correcto?

C Baleiro, garabanzo, marabilla, baranda, reventar, escarabello. Correcto?

16. Cal destes tempos verbais está correctamente conxugado?
A Sinto, sentes, sente, sentimos, sentides, senten. Correcto?

B Mido, mides, mide, midimos, midides, miden. Correcto?

C Sigo, sigues, sigue, seguimos, seguides, siguen. Correcto?

17. Cales son os emparellamentos correctos?
A Durante: conxunción; non obstante: adverbio; ou: conxunción; ca: conxunción. Correcto?

B Amodo: adverbio; ningures: conxunción; aínda que: conxunción; nin: preposición. Correcto?

C Cedo: adverbio; agás: preposición; perante: preposición; mais: conxunción. Correcto?

18. Cal destas oracións compostas contén un complemento dun adxectivo?
A Tiña a idea de que todo aquilo era falso. Correcto?

B Non vive lonxe de quen lle vendeu o coche. Correcto?

C Está canso de que non cheguen a tempo. Correcto?

19. En cal destas oracións se usa correctamente o infinitivo conxugado?
A Sabemos que ti, ao chegares á Coruña, sempre pasas pola súa casa. Correcto?

B Podes dicires todo o que queiras, pero debes facer o que che mando. Correcto?

C Hoxe has de pasares polo banco, porque cómpre que saques diñeiro. Correcto?

20. Cal é a serie de xentilicios correcta?
A Mozambicán, betanceño, monfortino, bracarense. Correcto?

B Camariñán, ribadense, quirogués, brasileiro. Correcto?

C Compostelano, panameño, carnotán, lisboense. Correcto?


Nº de respostas correctas (C)
Nº de respostas incorrectas (Z)

Puntuación do test = C x 0.5 - Z x 0.125
Nas preguntas de test, por cada resposta incorrecta descontaranse 0.125 puntos.
As respostas en branco non descontarán puntuación.

2005-2024