ogalego.eu
Eduardo Blanco Amor, homenaxe de ogalego.eu
Músicas do mundo
Test cultural
  qr
Foto: Eduardo Blanco Amor, escritor galego

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados


-Suxestións para traballos en grupo

-Temas par redaccións fantáticas

-Temas para falar ou escribir

Suxestións para traballos en grupo

1.- Facer un estudo da normalización da lingua nos seguintes campos:

-Nas administracións: Concello, Xunta...
-No ensino: no Centro de estudo
-No campo fronte á cidade.
-Nos espectáculos: cine, festas...
-Nas xeracións máis novas fronte aos avós
-Nos medios de comunicación: prensa escrita, radio, TV, ...
-Na internet en xeral
-Nas redes sociais
-Nas redes siciais usadas polo alumnado
-Na música actual

2.- Facer unha enquisa na zona sobre o uso da lingua e a actitude dos falantes.
3.- Gravar nun vídeo a un ou varios falantes escollidos previamente segundo a idade, profesión, residencia, etc. Logo, transcribir ao galego estándar e comentar as características máis importantes da lingua usada.
4.- Sobre un xornal ou libro portugués, comparar a ortografía, morfosintaxe e léxico co galego estándar.
5.- Comparar a lingua de tres textos en prosa e tres poemas de tres épocas diferentes (medieval, XIX e XXI)
6.- Verter ao galego as letras dos temas de moda da música en inglés utilizando o tradutor de Google
7.- Facer sopas de letras, xeroglíficos, encrucillados, etc. e intercambialos cos compañeiros.
8.- Construír un xornal encargándose cada grupo dunha sección de noticias.
9.- Construír un telexornal encargándose cada grupo dunha sección de noticias.
10.- Preparar un programa de radio e escoitalo na clase.
11.- Facer unha pequena peza de marionetas e logo representala.
12.- Facer unha pequena peza de teatro e logo representala.
13.- Estudo das revistas en galego no século XX-XXI.
14.- Seguimento na prensa diaria durante unha determinada época de:

-A política galega.
-A política local.
-Crítica e información literaria.
-Deporte local.
-Uso do galego.

15.- Estudo de determinadas épocas da historia de Galiza.
16.- A flora da contorna.
17.- A fauna da contorna: aves e insectos.
18.- A fauna da contorna: outros.
19.- A agricultura da contorna.
20.- A industria da contorna.
21.- A contaminación da zona.
22.- Xogos e diversións da xente nova na contorna.
23.- Grupos e cantantes galegos da actualidade.
24.- Estudo xeográfico da zona.
25.- O galego nas series de TV.
25.- Tradución da lingua dunha serie como os Simpson.

Temas para redaccións fantásticas

1.- Dispoñémonos a abrir unha lata de sardiñas, cando escoitamos unha voz metálica que nos di: alto, agarda polo menos a que che conte a miña historia antes de me destruíres.
2.- O zapato do pé dereito e o do esquerdo discuten a ver a cal dos dous lle corresponde dar o primeiro paso ao saíren da casa esta mañá.
3.- Despois dunha viaxe turística por Galiza, Almanzor relátalles as súas impresións e aventuras a uns amigos nunha taberna andaluza.
4.- No ano 1001 a. C. un barbudo e vello galego conta a historia da súa vida aos seus netos.
5.- Descrición de Galiza no ano 3001 d. C.
6.- Unha moza, estudante de 1º de bacharelato en Xúpiter, vén pasar un mes á nosa casa para mellorar o galego que alí estudou. De volta en Xúpiter, cóntalles aos amigos a súa impresión sobre o noso mundo.
7.- Convidados por unha moza de Xúpiter, botamos un mes na súa casa a fin de mellorar o idioma que alí falan. De volta a Galiza, contámoslles aos nosos amigos como viven alí.
8.- Provistos dun binóculo que traspasa as paredes vemos as diferentes escenas que se producen no noso edificio neste momento.
9.- A TVG-2 encárganos o guión para unha película sobre o lobishome.
10.- O inspector Pepe Pérez relata para o xornal Galaico Vespertino o caso do home que apareceu asasinado e cunha orella cortada na praia da Lanzada.
11.- Roque Ruíz, cantante e figura do grupo O furacán destructor relata a súa historia, desde as actuacións gratis nas festas de Vilavella ata os concertos en París e Chicago.
12.- Nunha reunión entre as grandes potencias mundiais perante a situación límite de tensión terrorista, deciden darme plenos poderes para arranxar a situación. Que faría eu?
13.- Vou camiñando pola rúa e, provisto dunhas lentes especiais, podo ler os pensamentos da xente coa que me cruzo.
14.- Nunha parede hai un cartel con publicidade política que di... Describe o cartel, a mensaxe e o que pensa a xente que se para a lelo.
15.- Encontrámonos coa Santa Compaña. As ánimas son personaxes famosos que van contando as causas polas que teñen que penar.
16.- Unha alma chega ás portas do ceo e tenta convencer a San Pedro de que a deixe pasar.
17.- Un anaco de queixo razoa co rato para que non o coma.
18.- Inventa un conto ao estilo do conto popular no que entren como personaxes un can e un gato.
19.- Inventa unha lenda protagonizada por unha serpe, unha princesa e un cabaleiro.
20.- Ser un non ser, velaí a cuestión... Continúa o monólogo de Hamlet.
21.- Así escalamos o Everest.
22.- De como cheguei a ser campión olímpico.
23.- A historia dun billete de 100 euros.
24.- Solicitude ao emperador chinés para poder tomar parte nas oposición de mandarín.
25.- Carta a un amigo que está na cadea nun pequeno e afastado país.
26.- Carta na que se rompen as relacións amorosas co/a namorado/a.
27.- Descrición técnica e detallada dos novos inventos da profesora Hermengarda: un novo teorema, o motor que funciona con..., etc.
28.- Documento no que un xuíz declara inocente a un reo.
29.- Descrición dunha paisaxe típica da Siberia.
30.- Fragmento das memorias de Breogán achado na biblioteca do mosteiro de Carboeiro.
31.- Escrito que contén o balance económico dunha empresa a fin de ano.
32.- Compón tres letras para tres cantigas dos tres estilos máis representativos da música do momento.
33.- Prodúcese unha guerra nuclear. Cales serían os efectos?
34.- Esta sería a miña Galiza ideal.
35.- Prodúcese a Guerra das Galaxias.
36.- Un mago describe todos os números do seu espectáculo.
37.- As aventuras dun/unha alumno/a do curso x.
38.- Preparación e execución do roubo do século: a campá Berenguela da catedral de Santiago.
39.- Ao caer un anaco da muralla de Lugo aparece a entrada a un corredor secreto, o seguilo obrigará a cambiar moitas pasaxes da nosa historia vixente.
40.- Guión para un serial da TVG-2: crimes, divorcios, fillos secretos...
41.- De como fuxín da cadea de Monterroso: planos, execución...
42.- Diálogo entre unha hamburguesa e un prato de lacón con grelos; cada un canta as súas excelencias.
43.- Manual para se facer rico en menos dun ano usando internet.
44.- Manual para namorar moito e ben.
45.- Os misterios do castelo de Monforte de Lemos.
46.- As receitas de cociña do doutor Caldeirada.
47.- O mundo visto por unha vaca.
48.- Na illa de Sálvora aparece unha gruta. Que hai, quen a fixo?

Temas para falar ou escribir

1.- Diálogo entre un camareiro e un cliente habitual.
2.- Discusión matrimonial por un feito concreto.
3.- Entrevistas ficticias a personaxes famosas.
4.- Diálogo entre dous/dúas amigos/as que se atopan na rúa despois dun tempo sen se veren.
5.- Discusión entre dous seareiros de dous equipos de fútbol diferentes.
6.- Dous coches acaban de chocar, baixan os condutores e comezan a falar, ao tempo que se achegan varios curiosos.
7.- Diálogo entre pais e fillo/a no momento de recibir as cualificacións no Abalar Móbil.
8.- Representación dun Consello da Xunta, unha sesión do Concello...
9.- Un grupo de vellos/as sentados nun banco do parque lembra a súa infancia.
10.- Un remuíño intergaláctico tira por nós e aparecemos nun novo planeta. Alí nada saben da vida na Terra, pero teñen un tradutor automático de linguas. Temos que explicarlles moitas cousas:

11.- Alguén comeza un conto inventado por el, nun momento determinado corta a narración no mellor para que continúe outro, que tamén vai interromper o relato...
12.- Cadaquén explica cal é a súa diversión preferida e en que consiste.
13.- Todas as tarefas dun día normal.
14.- Descrición do centro dunha grande cidade á hora en que máis xente hai pola rúa.
15.- Descrición das persoas, obxectos... que podemos atopar nun aeroporto.
16.- Descrición da cidade, vila ou lugar no que vivimos.
17.- Costumes máis correntes e típicos na nosa sociedade. Vantaxes e inconvenientes.
18.- Para que estudar? Para que vale hoxe?
19.- Medidas necesarias para reformar o ensino.
20.- Os problemas máis comúns dun/dunha mozo/a hoxe.
21.- As relacións de parella hoxe na xente nova.
22.- Os problemas de relación cos pais. Comprensión e incomprensión.
23.- Os progresos da medicina. Pasado e futuro.
24.- A eutanasia.
25.- A televisión actual: o bo e o malo.
26.- Os incendios e outros factores de destrución da natureza.
27.- Nacionalismo, federalismo, autonomía, europeísmo.
28.- Globalización, dependencia das multinacionais.
29.- As marabillas do teléfono móbil.
30.- A guerra. Hai xustificacións para ela?
31.- Os dereitos humanos no mundo actual.
32.- A inmigración hoxe.
33.- A xustiza social no século XXI.
34.- A opinión pública: o seu poder e como dominala.
35.- A homosexualidade.
36.- Os extraterrestres e as súas aparicións.
37.- As drogas na mocidade: duras, brandas, de deseño.
38.- A visión da vida nas diferentes relixións.
39.- Problemas e vantaxes de usar as redes sociais.
40.- Como moverse seguros pola rede de redes.
41.- A violencia e o acoso nos centros escolares.
42.- Os perigos e vantaxes das redes de mensaxería instántánea.
43.- Comentario libre desta foto con cds colgados de varas.
44.-O fenómeno das Tanxugueiras.

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.