ogalego.eu - ogalego.gal

Arantza Portabales
Arantza Portabales, escritora e amiga de ogalego.eu

Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. ABAU


Proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade

Exames do curso 2016-2017


Xuño: Opción A / Opción B

Setembro: Opción A / Opción B



XUÑ0 2017

OPCIÓN A

O gastrónomo estaba francamente anoxado. Pediu a conta para marchar canto antes. Co enfado, comezaba a revolvérselle o estómago. Naquel restaurante eran uns simples traficantes de comida e iso el non o soportaba. El, Cordón de Ouro da Gastronomía Hispánica. Pedira un dos pratos máis delicados, lacón con grelos e nata feitos na súa propia xelatina, recheos con pasas gratinadas e servidos con culi de perdiz aromatizado de lombarda e castañas do Courel, e estaba francamente mal preparado. Pareceulle especialmente reprobable o exceso de cocción nas patacas, pero tamén lle desagradou o desproporcionado das gornicións. E, por se fose pouco, discutíranllo. A el, que era Pano de Ouro da Escola de Hostalaría de Bordeaux. Así que pagou e saíu do local. O enfado alteráralle o sangue e sentía incómoda a dixestión. Por veces odiaba a súa profesión. Meteuse no coche para afastarse de alí canto antes. Pero polo camiño foise sentindo peor. O enfado provocáballe náuseas. Cada vez que se lembraba do intolerable exceso de cocción das patacas sentía a molestia da comida a fedellarlle no ventre. Coa rabia, estaba empezando a descompoñerse. De súpeto, non puido aguantar máis. Quixo parar o coche para saír, pero non lle deu tempo. Cando se deu conta xa o vomitara todo sobre o volante. Poucas cousas hai máis duras que a vida dun gastrónomo.

Fran Alonso, en Dorna 27 (2001)

1. Por que vomita o gastrónomo? Que imaxe se nos dá del no texto? Xustifica a túa resposta de maneira
concisa, apoiándote en elementos do propio texto. [1 punto]

2. Comenta brevemente o sentido que teñen no texto e a intención con que se usan as seguintes
afirmacións do narrador [1 punto] en azul no texto:

1. Naquel restaurante eran uns simples traficantes de comida.

2. Poucas cousas hai máis duras que a vida dun gastrónomo.

3. Nos últimos anos a gastronomía e a cociña acadaron moita popularidade. Redacta un texto expoñendo
a túa opinión sobre este fenómeno: as súas causas, o que ten de moda pasaxeira ou de cambio cultural
máis duradeiro ... (Extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]

4. Poucas cousas hai máis duras que a vida dun gastrónomo. Podería esta comparativa de superioridade
construírse cun nexo distinto de "máis ... que"? Cal sería? Xustifica a resposta e escribe, se é o caso,
como quedaría a oración. [1 punto]

5. Identifica no texto cinco palabras pertencentes ao mesmo campo semántico, das cales unha debe ser o
seu hiperónimo (identifícaa como tal) e as catro restantes hipónimos seus. [1 punto]

6. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras) [1 punto]

a) O galego: lingua en vías de normalización.

b) O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto
histórico e situación sociolingüística.

7. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]

a) O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.

b) A prosa entre 1936 e 1975: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas).


CRITERIOS DE AVALIACIÓN

OPCIÓN A

Pregunta 1: (1 punto) Aínda que poidan responderse de maneira integrada, asígnase 0’5 puntos pola resposta xustificada a cada unha das preguntas. Espérase que o/a alumno/a sexa quen de percibir a imaxe de persoa neurótica ou obsesiva que o autor ofrece do gastrónomo.

Pregunta 2: (1 punto) Valórase que o/a alumno/a coñeza o sentido que teñen no texto os dous enunciados propostos. Particularmente no segundo, deberá percibir o sentido irónico que encerra. Por cada enunciado ben comentado, 0’50 puntos.

Pregunta 3: (3 puntos) Valórase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos desagregaranse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:
1) Construción textual: (1 punto). Valorarase:
1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta.
1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contradicións.
1.c) A organización da información: estruturación do texto (e.g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.
2) Adecuación léxico-gramatical: (1 punto). Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos.
3) Corrección ortográfica e gramatical: (1 punto). Valorarase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar. No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4: (1 punto) Pola identificación da posibilidade de construír esta comparativa de superioridade co nexo máis … ca, 0’50 puntos. Pola explicación desa dupla posibilidade, 0’50 puntos.

Pregunta 5: (1 punto) Outórganse 0’20 puntos por cada palabra axeitadamente identificada, unha como hiperónimo e catro como hipónimos. Deberán ser necesariamente palabras do texto.

Pregunta 6: (1 punto) Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 7: (2 puntos) Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias…
b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.
Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:
Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...). Desconto 0’2 puntos c/u.
—Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica... Desconto 0’1 c/u.
Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0’05 puntos c/u. Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia valoración da pregunta.




XUÑ0 2017

OPCIÓN B

Produción e consumo enchen as nosas vidas. E grazas ó progreso tecnolóxico e á acumulación de capital, só producimos durante media vida, cuarta arriba cuarta abaixo. Agás desgrazas, que sempre hai algunha. Consumidores, porén, sómolo todos dende o berce ata o burato final. E tanto á  hora de producir coma á hora de consumir, un principio informa o noso actuar: obter a máxima satisfacción posible. Agás excepcións, que sempre as hai para calquera regra.

O día da última tractorada, a produtora chairega Carmela da Chousa subiu ós mandos do SAME familiar de 224 cabalos e enfiou cara a Lugo a protestar polo baixo prezo do leite das súas vacas. Logo de arrodear a muralla empoleirada na cabina da súa máquina, a consumidora Carmela paseou as rúas do centro na procura dunha saia nova para estrear na comuñón do seu sobriño. Aínda que lle fervían os ollos por unha peza estampada da marca lalinense Toypes, rematou por mercar outra menos lucida e de marca descoñecida, pero de prezo máis baixo.

Ese mesmo día, a produtora Susa de Valdecales soubo que a empresa na que prestaba os seus servizos, a téxtil Toypes, presentaba un ERE rotatorio por mor da caída no volume de vendas, e que lle ía supor a ela un certo quebranto salarial. De volta á casa logo da xornada laboral, a consumidora Susa entrou no Centro Comercial para facer as compras alimentarías do día seguinte e, no canto do cartón de leite de Pascual -que viña mercando ata o de agora- e vendo como viñan as cousas, decidiuse por un de "marca branca" quince céntimos máis barato.

J. Luis Sucasas, en Vieiros (2009)

1. Indica cal é a estrutura do texto. [1 punto]

2. Expón brevemente a idea que nos quere transmitir o autor co seu texto, máis alá das anécdotas que
relata. [1 punto]

3. Redacta un texto sobre a importancia que teñen o consumo e a produción (ou o consumismo e a
produtividade) no noso modo de vida actual. (Extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]

4. Consumidores, porén, sómolo todos (en azul no texto). Compara esa construción con estoutra que o autor non utiliza: Todos somos consumidores. Explica as diferenzas existentes entre as dúas: distinta orde de palabras, aparición do clítico de acusativo (sómolo vs. somos) e introdución da forma porén. [1 punto]

5. Analiza sintacticamente a seguinte oración: Carmela arrodeou a muralla empoleirada na cabina da
súa máquina.
[1 punto]

6. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras) [1 punto]

a) O galego: lingua en vías de normalización.

b) O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto
histórico e situación sociolingüística.

7. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]

a) O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.

b) A prosa entre 1936 e 1975: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas).


CRITERIOS DE AVALIACIÓN

OPCIÓN B

Pregunta 1: (1 punto) Avalíase a capacidade de comprensión analítica do texto. Agárdase a axeitada identificación das partes en que se organiza o texto e unha breve indicación de como esas partes o estruturan.

Pregunta 2: (1 punto) Avalíase a capacidade de comprensión sintética do texto. Agárdase que o/a alumno/a sexa quen de transcender as anécdotas para captar o sentido real do texto: a través dos nosos hábitos de consumo somos tamén responsables das condicións de produción.

Pregunta 3: (3 puntos) Valórase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos desagregaranse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:
1) Construción textual: (1 punto). Valorarase:
1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta.
1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contradicións.
1.c) A organización da información: estruturación do texto (e.g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.
2) Adecuación léxico-gramatical: (1 punto). Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos.
3) Corrección ortográfica e gramatical: (1 punto). Valorarase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar. No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4: (1 punto) Agárdase que o/a alumno/a saiba explicar coas súas propias palabras a motivación e a transcendencia semántica/pragmática das diferenzas de forma –xa identificadas– entre as dúas construcións propostas. Non se esixe o emprego de termos técnicos como os aquí usados aos meros efectos de harmonización de criterios entre as persoas correctoras. (1) Distinta orde de palabras: fronte á orde non-marcada Su-V-Atr da segunda oración, a primeira amosa anteposición temática do Atributo, presentando os consumidores como aquilo do que se vai dicir algo. (2) Aparición do clítico o/lo sómolo na primeira oración, como produto desa tematización do Atributo (cf. Ti tes o libro → O libro telo ti, con tematización neste caso do CD: aparece igualmente pronome/clítico de acusativo; en condicións normais non). (3) Introdución da forma porén na primeira oración, marca unha contraposición co(s) enunciado(s) precedentes no texto, que non se expresa na segunda, construída sen ese conector. Asígnanse 0’60 puntos pola explicación das dúas primeiras preguntas, estreitamente relacionadas, (a razón de 0’40 + 0’20) e 0’40 pola da terceira.

Pregunta 5: (1 punto) Valorarase a correcta identificación das funcións oracionais e das categorías ou unidades sintácticas que as desempeñan. Admítese calquera modo de representación da análise así como as diversas terminoloxías, sempre que se empreguen de xeito coherente.
Ítems de referencia na corrección (ata 0’20 puntos cada un deles):
1. Carmela: N/FN – Suxeito
2. Arrodeou: Verbo – Predicado (ou Núcleo da FV-Predicado)
3. A muralla: FN – CDirecto
4. Empoleirada na cabina da súa máquina: FV/Or.part./FAdx – Compl. Predicativo (para a análise CCirc Modo, vid. infra)
5. Na cabina da súa máquina: FP – CCirc Lugar (de empoleirada, non de arrodeou) / Modif. (de FAdx.)
Dos 0’20 puntos de cada ítem, 0’15 outórganse pola correcta identificación das funcións e 0’05 pola correcta identificación das categorías ou tipos de unidades. Pola análise de empoleirada na cabina da súa máquina como CCirc Modo, 0’05.

Pregunta 6: (1 punto) Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 7: (2 puntos) Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias…
b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.
Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:
Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...). Desconto 0’2 puntos c/u.
—Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica... Desconto 0’1 c/u.
Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0’05 puntos c/u. Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia valoración da pregunta.



SETEMBRO 2017

OPCIÓN A

Don Mariano camiña polo lado dereito do corredor do segundo andar de San Caetano na procura da seguinte reunión. Chega tarde e sábeo, por iso apura. Precédeno dous grosos asesores con cadanseu maletín na mao esquerda. Por detrás, dúas esveltas mulleres de andar contido e cartafol ao peito. De súpeto, don Mariano detense e todos se deteñen. Colle o móbil que vibra no peto do pantalón, mira a pantalla e aperta os labios ante a amoladura.

-Dime- di.

Don Mariano, trinta segundos despois de descolgar e os mesmos a escoitar a pertinaz voz que sae polo seu móbil, atravesa o corredor e achégase a unha ventá. Vólvese para comprobar que ninguén axexa o que considera unha conversa privada. A seguir exclama, coa mao coa que sostén o aparello tapándolle a boca:

-Mira, Vanesa, eu non che teño a culpa de que alucines coa túa nai e co que pasa! E se non lle queres falar, alá ti. Ela seguramente fixo o que tiña que facer, e eu estou ocupadísimo traballando. Pero ocupadísimo, entendes? Así que, mira... Vouche solucionar o teu problema de vez. Agora mesmo sobes ao teu cuarto e remexes no camión de roupa que tes polos catro armarios. Colles o que che praza e pólo, que aí está todo rebaixado, pero moito máis rebaixado que en Londres, París ou neses lugares raros aos que sempre pretendes ir de compras. Incluso, se queres, podes poñer os catro pares de botas, sete cazadoras e oito gorros nas orellas, todo xunto, a ver se así colles unha enchente e... Ou se non, mellor aínda, filla, sen dar o lerio como estás dando, volves para o instituto, que é onde debía estar metidiña toda a mañá unha mocosa de dezasete anos coma ti. E, por favor, a ver se deixas de "flipar" tanto.

Don Mariano non agarda pola resposta. Amolado, pecha o móbil e méteo no peto. Entón emprende de novo a marcha, e todo o seu séquito, como se tivese ensaiada unha coreografía, fai o mesmo.

Xavier Quiroga, Zapatillas rotas, 2014

1. Fai un resumo do texto explicando brevemente o sentido da conversa telefónica entre pai e filla que parcialmente se reproduce nel. [1 punto]

2. Explica [1 punto]:

a) o significado que teñen no texto as locucións de vez e dar ao lerio (en vermello no texto)

b) que quere dicir o autor cando afirma que o séquito actúa como se tivese ensaiada unha coreografía (en vermello no texto)

3. Expón, de maneira argumentada, a túa opinión persoal sobre o problema que reflicte o texto e, en xeral, sobre este tipo de conflitos familiares entre pais e fillos adolescentes. (Extensión aproximada 200-250 palabras) [3 puntos]

4. Que tipo de irregularidade morfolóxica presenta a forma verbal sobes (marcada no texto), explica en que consiste e indica a que formas verbais do verbo subir afecta. Que forma debería usar o pai de Vanesa se empregase o modo imperativo? [1 punto]

5. No texto aparece dúas veces a forma che (marcada en azul) con dous valores claramente distintos. Coméntaos explicando por que son diferentes. [1 punto]

6. Responde unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aproximada 200-250 palabras) (1 punto):

a) O galego a finais do século XX e comezos do XXI; características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

b) Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.

7. Responde unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aproximada 400 palabras) [2 puntos]:

a) A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.

b) A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

OPCIÓN A

Pregunta 1 (1 punto). Avalíase a capacidade de comprensión sintética do texto. Agárdase que o/a alumno/a sexa quen de explicar coas súas propias palabras o sentido da conversa telefónica, para o que cómpre tanto sintetizar a parte da conversa reproducida no texto como inferir, a partir dela, o contido da intervención de Vanesa, que non se reproduce.

Pregunta 2 (1 punto). Avalíase o coñecemento do significado que teñen as tres secuencias indicadas, no contexto en que se usan, e a capacidade para explicalo. Asígnase 0’30 puntos pola correcta explicación do significado da locución de vez; 0’30 pola de dar o lerio; e 0’40 pola do uso da secuencia como se tivese ensaiada unha coreografía. No caso das locucións, non se esixe unha definición lexicográfica rigorosa, mais non será válida a resposta cando só conteña sinónimos ou a tradución a outra lingua.

Pregunta 3 (3 puntos). Valórase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos desagregaranse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:
1) Construción textual: 1 punto. Valorarase:
- 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta.
- 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contradicións.
- 1.c) A organización da información: estruturación do texto (e.g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.
2) Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos.
3) Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar. No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4 (1 punto). Pola identificación da irregularidade morfolóxica (verbo con alternancia vocálica no radical), 0’50 puntos. Pola identificación das formas a que afecta, 0’40 puntos. Pola correcta indicación da forma do imperativo (sube), 0’10.

Pregunta 5 (1 punto). Outórganse 0’50 puntos pola explicación dos valores semántico-pragmáticos que se expresan co uso de cada unha das dúas ocorrencias da forma che propostas. Non se esixe o emprego dunha terminoloxía técnica precisa (e.g., dativo de solidariedade, dativo posesivo), pero si unha explicación clara dos valores que achega o uso do che en cada caso.

Pregunta 6 (1 punto). Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 7 (2 puntos). Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
-a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias…
-b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
-c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:
Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...). Desconto 0’2 puntos c/u.
Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica... Desconto 0’1 c/u.
Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0’05 puntos c/u.

Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia valoración da pregunta.



SETEMBRO 2017

OPCIÓN B

A sociedade hoxe está a percibir multitude de estímulos, tantos que é imposíbel a súa asimilación con sentido crítico e reflexivo. No entanto, non se inclúen de xeito preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións, os elementos culturais, nomeadamente os galegos.

Coñécese antes calquera figura mediocre e incluso tóxica para a formación do individuo -e, por extensión, da sociedade- que unha referente da escrita, da música, da ciencia, das artes plásticas, do teatro, etc. Cultívase o valor da simple aparencia física predeterminado por un canon homoxéneo máis do que a capacidade intelectual. Refórzase ao valor do acceso ao carto rápido antes do que a cultura do esforzo e o traballo progresivo cara á cultura do coñecemento. E todo isto con fortes investimentos económicos para inventar un determinado mercado superficial e carente de principios.

Que a infancia e a mocidade soñe con ser futbolista ou modelo moi maioritariamente non me parece o mellor termóstato da boa saúde social. Que porcentaxe da cidadani soubo -e foi quen de o valorar- que o eminente científico galego Ángel Carracedo acaba de recibir o premio nacional polo seu determinante labor desenvolto ao redor da investigación xenética? Quen foi María Wonenbuger?

Que presenza ten a cultura galega nas radios, na televisión, na internet, no cinema, no teatro, nos medios públicos, na prensa impresa e dixital, nas revistas? Porque xa sabemos que non se valora o que non se coñece.

Mercedes Queixas en Palavra común (09/10/2015)

1. Elabora un esquema coas ideas principais e secundarias do texto. [1 punto]

2. Indica o significado que teñen as seguintes frases no texto (marcadas en azul): sentido crítico, figura tóxica, referente da escrita, carto rápido, termóstato da saúde social. [1 punto]

3. A autora móstrase crítica co feito de que a infancia e a mocidade soñe con ser futbolista ou modelo moi maioritariamente. Redacta un texto expoñendo de maneira argumentada o teu acordo ou desacordo co seu punto de vista. (Extensión aproximada 20-250 palabras) [3 puntos]

4. No texto marcado en vermello encadéanse tres preguntas que obviamente a autora formula sen esperar resposta, por tanto sen pretender con elas obter unha información dos seus destinatarios. Comenta estes peculiares enunciados interrogativos, indicando con que intención se formulan. [1 punto]

5. Explica os concepto de polisemia e homonimia empregando como exemplo as palabras figura e polo (subliñadas no texto) respectivamente. Indica unha palabra homófona de valor (subliñado no texto) e explica en que consiste a relación de homofonía entre elas. [1 punto]

6. Responde unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aproximada 200-250 palabras) (1 punto):

a) O galego a finais do século XX e comezos do XXI; características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

b) Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.

7. Responde unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aproximada 400 palabras) [2 puntos]:

a) A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.

b) A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

OPCIÓN B

Pregunta 1 (1 punto). Avalíase a capacidade de comprensión analítica do texto. Agárdase a axeitada identificación das ideas expostas e da súa organización xerárquica.

Pregunta 2 (1 punto). Outórganse 0’20 puntos pola correcta explicación do significado que teñen no texto cada unha das cinco frases propostas.

Pregunta 3 (3 puntos). Valórase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos desagregaranse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:
1) Construción textual: 1 punto. Valorarase:
- 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta.
- 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contradicións.
- 1.c) A organización da información: estruturación do texto (e.g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.
2) Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos.
3) Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar. No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4 (1 punto). Agárdase que o/a alumno/a sexa quen de identificar e explicar o uso destes enunciados interrogativos como un recurso retórico (interrogación retórica) que a autora emprega para soster o seu punto de vista de maneira non impositiva, senón colaborativa, inducindo ao lector ou lectora a que reflexione sobre o asunto e a que dese xeito adopte por si mesmo/a o punto de vista que ela propón. O/a alumno/a debe referirse explicitamente aos tres exemplos, pero pode perfectamente dar unha explicación conxunta deles, polo que non se outorga unha cualificación diferenciada a cada exemplo. Porén, se dá unha explicación inadecuada a algún deles de maneira diferenciada, aplicaráselle unha redución proporcional (1 exemplo = 1 terzo de penalización).

Pregunta 5 (1 punto). Avalíase o coñecemento dos conceptos de polisemia, homonimia e homofonía e a súa axeitada exemplificación a partir das palabras propostas. Asígnanse 0’40 puntos á polisemia; 0’30 puntos á homonimia; e 0’30 puntos á homofonía.

Pregunta 6 (1 punto). Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 7 (2 puntos). Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
-a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias…
-b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
-c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:
Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...). Desconto 0’2 puntos c/u.
Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica... Desconto 0’1 c/u.
Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0’05 puntos c/u.

Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia valoración da pregunta.

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.