Isaac Alonso Estraviz
Foto: Isaac Alonso Estraviz, escritor galego

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Lingua e sociedade, ABAU, tema 5. O galego de 1936 a 1978: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

Cando comeza a guerra de 1936 iníciase unha forte represión xeneralizada. Todo o esplendor anterior queda reducido ao silencio, e durante os primeiros anos da ditadura son os intelectuais do exilio americano os que manteñen viva a cultura galega creando editoriais, revistas, programas de radio... A capital da cultura galega é agora Bos Aires con figuras como Castelao, Rafael Dieste, Luís Seoane, Blanco Amor... 
O galego convértese nunha lingua inferior, que só se utiliza coa familia ou cos amigos, sen uso público nin oficial.
A recuperación cultural iníciase en 1950 cando se funda a editorial Galaxia que terá unha importancia capital para a recuperación da nosa cultura. Na década dos 60 xorden os partidos nacionalistas, clandestinos e minoritarios, e créanse asociacións culturais que loitan polo noso idioma e cultura e comeza a haber un certo recoñecemento ou polo menos tolerancia desde a esfera oficial:
* 1963: celebración do Día das Letras Galegas.
* Aparición de outras editoriais e revistas monolingües.
Mais o fenómeno de desgaleguización social avanza a un ritmo moito máis acelerado: a xente marcha ás cidades e deixa de lle falar galego aos fillos. O ensino, a Igrexa e os medios de comunicación só usan o castelán.
E malia todos os atrancos, o galego segue sendo, no ano 1975, a lingua maioritaria do país (75-80%).
No camiño de busca dunha norma culta aumenta a conciencia da súa necesidade, e podemos caracterizala polo desexo de simplificación ortográfica (eliminación de guións e apóstrofos) e de depuración léxica (rexeitamento de castelanismos, incorporación de neoloxismos e cultismos...)

(255 palabras)

Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.


Agárdase do alumnado unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa puntuación que se lle concede á pregunta e co tempo do que se dispón para o exame. Sería desexable unha extensión aproximada dunhas 200 ou 250 palabras. Ao se tratar dunha extensión breve para unha pregunta deste tipo, valorarase a capacidade para seleccionar e presentar a información máis relevante sobre o tema escollido, así como para evitar divagacións e xeneralidades.


Versión máis longa (464 palabras) axeitada para unha redacción esquemática:

Cando comeza a guerra Galiza queda axiña baixo o dominio dos sublevados e iníciase unha forte represiónxeneralizada. Algúns dos máis destacados galeguistas pagarano coa vida (Alexandre Bóveda, Ánxel Casal), outros con expedientes (Otero Pedrayo) ou cárcere (Carballo Calero -Día das Letras Galegas 2020-) e os máis afortunados co exilio (Castelao).
Todo o esplendor anterior queda reducido ao silencio, e durante os primeiros anos da ditadura son os intelectuais do exilio americano os que manteñen viva a cultura galega creando editoriais, revistas, programas de radio... A capital da cultura galega é agora Bos Aires con figuras como Castelao, Rafael Dieste, Luís Seoane, Blanco Amor... 
O galego convértese nunha lingua inferior, que só se utiliza coa familia ou cos amigos, pois o seu uso público podía supor a perda do traballo ou mesmo da liberdade, aínda que non estea legalmente prohibido.
A recuperación cultural iníciase lentamente ben avanzada a década dos 40: publicación de Cómaros Verdes no 1947, colección de poesía Benito Soto en 1949, pero será en 1950 cando un grupo de intelectuais (Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Otero Pedrayo) funda a editorial Galaxia que terá unha importancia capital para a recuperación da nosa cultura. Nela publicarán os seus libros Fole, Cunqueiro e escritores mozos como Méndez Ferrín e Carlos Casares.
Na década dos 60 xorden os partidos nacionalistas, clandestinos e minoritarios, e créanse asociacións culturais que loitan polo noso idioma e cultura e comeza a haber un certo recoñecemento ou polo menos tolerancia desde a esfera oficial:
* 1963: Celebración do Día das Letras Galegas.
* 1965: Creación da cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago.
* Aparición de outras editoriais e revistas monolingües.
* 1974: TVE comeza a emitir en galego a media hora do programa Panorama de Galicia.
Pese a este proceso de recuperación de usos, o fenómeno de desgaleguización social avanza durante a etapa da ditadura franquista a un ritmo moito máis acelerado:
* A partir dos anos 60 aumenta o éxodo do campo á cidade, o que provoca un aumento da castelanización por imitación das clases altas ou medias.
* O ensino, cada vez máis universal desenvólvese exclusivamente en castelán.
* A Igrexa, na súa maioría utiliza o castelán e esta será a lingua da liturxia cando o Concilio Vaticano II (1963) abandone o latín.
* Os medios de comunicación de masas (sobre todo a radio e a televisión) son tamén en castelán.
Mais, malia todos os atrancos, o galego segue sendo, no ano 1975, a lingua maioritaria do país (75-80%).
No camiño de busca dunha norma culta, dámoslle a este período o nome de protoestándar: aumenta a conciencia da súa necesidade, e podemos caracterizalo polo desexo de simplificación ortográfica (eliminación de guións e apóstrofos) e de depuración léxica (rexeitamento de castelanismos, incorporación de neoloxismos e cultismos...)



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 6:

O ideal sería que  levases un esquema estudado da casa, onde debes ordenar os contidos que vas desenvolver. A pregunta vale 2,5 puntos e é doado conseguir 1,50 puntos, mais é moi difícil conseguir 2,5 puntos cando nos piden 200/250 palabras (folio/folio e  medio aproximadamente). Nesta pregunta pódese perder máis por faltas de ortografía do que se  gaña por contidos. Esta cuestión non debería levarche máis de 20 minutos en ningún caso. Quen aspire a nota debe levala moi ben pensada, levar ben seleccionados os contidos fundamentais e non perderse en digresións O que non teña que pelexar por unhas décimas mesmo debería deixala para o final e , en función de como vaia de tempo, atreverse con ela.

OLLO: debes usar unha terminoloxía culta adecuada ao rexistro lingüístico. Non ter  claras as ideas e confundir, por exemplo, normalización con normativización, ou lingua maioritaria con maiorizada pode facer que a túa resposta sexa considerada errónea e  che sirva só para perderes puntos polas faltas de ortografía.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.