Alberte Blanco
Foto: Alberte Blanco, escritor e amigo de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Lingua e sociedade, ABAU, tema 4. O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

No primeiro terzo do século XX hai que sinalar que o galego comeza a usarse en ámbitos dos que desaparecera ou nunca estivera presente (narrativa, ensaio, discurso político, correspondencia privada...). Destacaremos:
1- A creación das Irmandades da Fala (1916) que teñen como finalidade a utilización exclusiva do galego en todo tipo de actos e escritos así como impulsar a narrativa e o teatro.
2- O Grupo Nós estende o uso do galego a todos os xéneros literarios e será o responsable da revista Nós, escrita integramente en galego.
3- No Seminario de Estudos Galegos  investigan Galicia desde diferentes campos: histórico, social, político...
4- O Partido Galeguista no que militarán durante a II República personalidades como Castelao ou Bóveda, liderará a redacción dun Estatuto de Galicia, no que se inclúe –entre outras cousas- o ensino do galego e engalego; aprobado en xuño de 1936 non poderá entrar en vigor ao iniciarse a guerra civil poucos días despois pero propiciará a consideración de Galicia como nacionalidade histórica (xunto con Cataluña e Euskadi) ao instaurarse a democracia en 1978. Outras iniciativas dignas de ser citadas son as editoriais Lar, Nós ou a publicación de diferentes estudos lingüísticos.

Fronte a esta emerxente situación cultural e aínda que o galego continúa a ser moi maioritario no país (sobre  o 90% da poboación, as clases baixas), acelérase o proceso de substitución polo castelán, que avanza como lingua de relación habitual, mentres o número de falantes monolingües en galego vai descendendo.

No que se refire á lingua utilizada na escrita, non existe aínda un modelo único, continúan os intentos de crear unha norma (xa se publican algúns dicionarios e gramáticas).

-273 palabras-

Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.


Agárdase do alumnado unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa puntuación que se lle concede á pregunta e co tempo do que se dispón para o exame. Sería desexable unha extensión aproximada dunhas 200 ou 250 palabras. Ao se tratar dunha extensión breve para unha pregunta deste tipo, valorarase a capacidade para seleccionar e presentar a información máis relevante sobre o tema escollido, así como para evitar divagacións e xeneralidades.


Versión máis longa (416 palabras) máis axeitada para unha redacción esquemática:

Durante o século XX avanza o proceso de recuperación cultural iniciado no XIX e o galego comeza a usarse en ámbitos dos que desaparecera ou nunca estivera presente (narrativa, ensaio, discurso político, correspondencia privada...) ata chegar ao recoñecemento oficial na democracia, pero asemade descende preocupantemente o seu uso como medio de comunicación social.
Se nos centramos no primeiro terzo deste século, hai que destacar:

1. Aa creación das Irmandades da Fala no ano 1916, ligadas ao nacemento do nacionalismo, e que teñen como finalidade a utilización exclusiva do galego en todo tipo de actos e escritos así como impulsar a narrativa (sobre todo breve) e o teatro.

2. O Grupo Nósestende o uso do galego a todos os xéneros literarios e será a responsábel da revista Nós, escrita integramente en galego.

3. No 1923 constitúese o Seminario de Estudos Galegos, formado por universitarios que investigan Galicia desde diferentes campos: histórico, social, político...

4. A última institución importante da época é o Partido Galeguista, no que militarán durante a II República personalidades como Castelao ou Bóveda, quen redactará un Estatuto de Galicia, no que se inclúe –entre outras cousas- o ensino do galego e engalego; aprobado en xuño de 1936 non poderá entrar en vigor ao iniciarse a guerra civil poucos días despois pero propiciará a consideración de Galicia como nacionalidade histórica (xunto con Cataluña e Euskadi) ao instaurarse a democracia en 1978.

Outras iniciativas dignas de ser citadas son as editoriais Lar, Nós ou a publicación de diferentes estudos lingüísticos.
Fronte a esta emerxente situación cultural, o seu uso como vehículo de comunicación segue o camiño oposto: aínda que continúa a ser moi maioritaria no país (lingua única de aproximadamente o 90% da poboación, as clases baixas galegas), acelérase o proceso de substitución polo castelán, que avanza como lingua de relación habitual, mentres o número de falantes monolingües en galego vai descendendo. Como causas deste proceso podemos citar o aumento da urbanización, a aparición da radio e o maior índice de alfabetización, realizada exclusivamente en castelán.
Finalmente, no que se refire á lingua utilizada na escrita, non existe aínda un modelo único, continúan os intentos de crear unha norma (lembremos que se publican algúns dicionarios e gramáticas). Hoxe coñecemos este período como galego enxebrista ou diferencialista, porque a intención dos escritores é marcar a diferenza co castelán, deixar patente que son dúas linguas independentes, para o cal elixen o portugués como modelo, e esfórzanse por limpar a lingua de castelanismos, utilizando arcaísmos, lusismos, hipergaleguismos ou pseudoevolucións.



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 4:

O ideal sería que  levases un esquema estudado da casa, onde debes ordenar os contidos que vas desenvolver. A pregunta vale 2,5 puntos e é doado conseguir 1,50 puntos, mais é moi difícil conseguir 2,5 puntos cando nos piden 200/250 palabras (folio/folio e  medio aproximadamente). Nesta pregunta pódese perder máis por faltas de ortografía do que se  gaña por contidos. Esta cuestión non debería levarche máis de 20 minutos en ningún caso. Quen aspire a nota debe levala moi ben pensada, levar ben seleccionados os contidos fundamentais e non perderse en digresións O que non teña que pelexar por unhas décimas mesmo debería deixala para o final e , en función de como vaia de tempo, atreverse con ela.

OLLO: debes usar unha terminoloxía culta adecuada ao rexistro lingüístico. Non ter  claras as ideas e confundir, por exemplo, normalización con normativización, ou lingua maioritaria con maiorizada pode facer que a túa resposta sexa considerada errónea e  che sirva só para perderes puntos polas faltas de ortografía.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.