Ditos de Pilar Guerra Otero (ir a Listado con opcións para escoller)

 

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

TRASAR DE CARBALLO, lugar do concello de Carballedo, no sur da provincia de Lugo

  1. a bica o que a fai pícaa. O que fai a bica na cociña será quen lle faga os buratos.

  2. a cabra co vicio dá co corno no cu. Coidado que se pode estragar [algo], non confiarse.

  3. a cara é o reflexo do corazón. Na cara reflíctense os sentimentos das persoas.

  4. a carne carne cría, e o peixe auga fría. A carne alimenta moito, o peixe non. Orixinal: a carne carne cría, i o pescado auga fría

  5. a carne en calceta que a coma o que a meta. O que fai os embutidos é o que mellor sabe como están para despois comelos.

  6. a carne no sal un mes e no fume tres. A carne de porco para curar ben debe botar un mes no salgadoiro e tres meses a afumar.

  7. a cartos vai a vaca, o que non a ten non a papa. Aínda que haxa pouco, algo é algo, hai que aproveitalo todo.

  8. a casa nunca andou a pedir. Na casa sempre houbo que comer, non se pasou fame, sempre houbo para as necesidades básicas. Orixinal: a casa nunca anduvo a pidir.

  9. a confianza mata o labrego. Non se pode confiar na xente sempre, hai que desconfiar máis.

  10. a corda sempre creba polo máis delgado.  O máis débil leva as de perder sempre.

  11. a falta de pan cómese bica. 1. Se non hai centeo, comerase o pan de millo feito na lareira.  2. Ás veces hai que se conformar co que hai, non hai outras posibilidades.

  12. á galiña e á vaca polo bico se cata. Se se lles dá ben de comer teñen logo boa carne, alimentalas dá bo resultado. Orixinal: á galiña e á vaca polo pico se cata.

  13. a gata co apuro trouxo os fillos cegos. Co moito apuro, coa moita présa pódense estragar as cousas.

  14. a letra con sangue entra. Para aprender hai que esforzarse e mesmo recibir castigos físicos se cómpre. Orixinal: a letra con sangre entra.

  15. a lingua ten o seu curral. Hai que falar sempre con xeito, mirando o que se di. Orixinal: a lengua ten o seu curral.

  16. a mera de San Xoán leva o viño e non deixa o pan. A choiva miúda, a néboa mesta de xuño son prexudiciais para os campos, sobre todo para as viñas e os cereais. Orixinal: a mera de San Juan leva o viño e non deixa o pan.

  17. á muller e á mula, cada día súa tunda. Dito denigrante para as mulleres [as mulas e as mulleres son moi teimudas e só se educan con violencia].

  18. a muller e a sardiña pola máis pequeniña, mentres a grande se baixa a pequena varre a cociña.[ Eloxio das mulleres miúdas, pequeniñas, moi apreciadas coma as xoubiñas e por seren traballadoras]. Orixinal: a muller e a sardiña pola máis pequeniña, mentras a grande se baixa a pequena varre a cociña.

  19. a muller que non come canda o home, ou xa o comeu ou inda o come. A muller da casa non ha quedar sen comer, sempre atopa algo aínda que non coma co marido para atender os labores.

  20. a muller viúva, ata as silvas se prenden nela. Todo é contra unha viúva, todo son contratempos, ten poucas axudas. Orixinal: a muller viúda, hasta as silvas se prenden nela.

  21. a pataca e a muller, ó primeiro mercador. Dito para denigrar as mulleres por teren pouca garda coma as patacas [ao primeiro que as pague, que dea algo por elas, aínda que sexa pouco, dánselle porque co tempo a pataca podrece e a muller faise vella]. Orixinal: a pataca i a muller, ó primeiro mercader.

  22. a perdiz, que entre o cheirume polo nariz. Antes de comer, á perdiz hai que deixala uns días ata dar algo de cheiro, estará máis rica. Orixinal: a perdiz, que entre o cheirume pola nariz.

  23. a porca de maio ou no principio ou no cabo, e han parar os bois quince días antes ou despois. En maio ten que haber 15 días de mal tempo no que non se poderá traballar nos eidos, sexa ao inicio ou ao final.

  24. a porca de maio vale máis no principio ca no cabo. A chuvia é máis beneficiosa para o campo nos primeiros de maio ca no final.

  25. á porta do rezador non poñas o trigo ó sol e do que non reza nada, nin o trigo nin a cebada. Non se pode [un] fiar do que reza moito e menos aínda do que non reza nada; os dous extremos son malos.

  26. a raíz do toxo verde é moi mala de arrincar e os amores primeiros son malos de olvidar. Os primeiros amores sempre permanecen na lembranza.

  27. a roupa lavada polo sol agarda. 1. A roupa xa lavada non se estraga, xa virá o sol para secala. 2. O traballo feito xa non corre présa.

  28. a sombra a da pena e o abrigo o da leña. A sombra mellor é a producida por unha pedra grande, o mellor abrigo é o dunha fraga. Orixinal: a sombra a da peña i o abrigo o da leña.

  29. a xente quere pingar antes de asar. [A xente] quere obter beneficios antes de tempo ou sen esforzo ningún.

  30. acongrear a alguén. Facer para que [alguén] non poida vender legalmente o seu.

  31. adeus dise ós mortos e ós que teñen os pés tortos. [Frase feita, para dicir cando conveña en calquera contexto]. Orixinal: Adiós díselle ós mortos e ós que teñen os pés tortos.

  32. agosto nubrado, nabo furado. O ceo cuberto en agosto favorece a peste nos nabos e énchenselles as follas de buracos. Orixinal: agosto nublado, nabo furado.

  33. alarga os pés máis cá manta. Fai máis do logo que pode pagar.

  34. anda algo trousado. Estalle empezando a aparecer dunha enfermidade, non está moi axudado.

  35. anda ás dúas mans coma a vaca do pobre. As vacas estaban acostumadas a andaren xunguidas pola dereita ou pola esquerda, as dos pobres polas dúas. Orixinal: anda ás dúas maus coma a vaca do pobre.

  36. anda coa cabeza polo aire. Está pensando noutra cousa. Orixinal: anda ca cabeza polo aire.

  37. anda coma un farrapeiro.  Anda mal vestido, remendado [coma os que mercaban farrapos polas portas].

  38. anda con pés de chumbo.  Vai moi a modo. Orixinal: anda con pés de plomo

  39. anda da outra maneira.  Está embarazada.

  40. anda de arredor coma o can do señor. Anda dando voltas. Orixinal: anda darredor coma o can do señor.

  41. anda na punta do pé. Ser [alguén] moi presumido.

  42. anda tino con tino. Anda con coidaiño.

  43. anda todo encarrafuzado. Anda moi porco, cheo de merda.

  44. andan os ladróns atrás dos que rouban. Todos son da mesma condición. Orixinal: andan os ladrós atrás dos que rouban.

  45. aníñase en calquera lado. [Dise da muller que ten amores con calquera home].

  46. ano de herba, ano de merda. Ano de moita herba, ano de ruíns colleitas [porque choveu moito e houbo pouco sol].

  47. antes de beber faille a cama primeiro. Antes de tomar unha bebida alcohólica é mellor comer algo para que non sente mal

  48. arrímase moito ó trasfogueiro. É moi frío, ten moito frío sempre. Orixinal: arrímase moito ó trasfugueiro

  49. as aves de bico non poñen ó home rico. As aves producen pouco, non crean riqueza coma outros animais porque comen moito. Orixinal: as aves de pico non poñen ó home rico.

  50. as cousas claras e o chocolate espeso. Hai que falar claro, sen enganos nin dobres sentidos.

  51. as mozas de [nome do lugar] todas presas nun cordón, pasa o cura polo medio e estas burras de onde son. Para facer a burla das mozas dun lugar [tal e como van xa nin o cura as coñece].

  52. ás nove déitate home, ás dez muller se a tes, e se te deitas canda o home para ben pouco muller es. [Considerábase que a boa muller debía sempre deitarse despois do marido para rematar os labores da casa].

  53. as perdas non son ganancias. [Frase que se repite cando acontece unha perda, unha desgraza na casa].

  54. as pernas do criado non cansan. O amo manda e manda e non cansa porque quen traballa é o criado.

  55. ás veces teñen oídos as silveiras.  Hai que falar con xeito e mirar o que se di, que o pode oír calquera.

  56. ás veces un porco ruín topa unha castaña boa. Ás veces alguén que non o merece ten sorte.

  57. auga que non é de beber, déixaa correr. Se unha moza/mozo non che fai caso, mellor déixaa/o ir.

  58. benia a mai que te pariu e o pai que te fixo.[Facerlle a benia a alguén era dicirlle esta frase cando facía algunha cousa ben].

  59. boa roca fía o que a seu fillo cría. Ben fai quen atende o fillo, aínda que desatenda a roca ou outros labores, o importante é o meniño.

  60. boca pechada non colle mosquitos. É mellor estar calados que meter a zoca, equivocarse.

  61. bos ollos te vexan! [Díselle a unha criatura a primeira vez que se ve].

  62. bótalle un can ó rastro. Xa pasou, perdeuse, non hai que lle facer.

  63. búscaa que traia o dote na man. Para casar é mellor unha muller traballadora ca rica. Orixinal: búscaa que traia o dote na mau.

  64. buscarlle os pés ó gato. Procurar saber algo, buscar as raíces do asunto.

  65. cabra coxa non quere sesta, se lla dan mal lle presta. Cando [alguén]  quere facer un traballo, ha de ser axiña, logo de descansar xa custa máis [a cabra coxa non pode andar moito, se bata a sesta xa non chega].

  66. cada cousa é para o que é e o zapato para o pé. Todas as cousas acaen ben naquilo para o que foron feitas. Orixinal: cada cousa é pró que é i o zapato pró pé.

  67. cada santo chégalle o seu día. Chegará un día que se farán as cousas que levan retraso.

  68. cambiarás de muiñeiro e non de ladrón. Vas seguir na mesma situación aínda que cambies de persoa [os muiñeiros tiñan fama de ladróns por roubaren na maquía].

  69. cando a galiña canta coma o capón, matala que trae mala sorte. [Iso se cría antes]

  70. cando a silva bota a flor, pon a canada ó sol. No tempo de floración da silva as vacas dan pouco leite e sobra a canada de muxir.

  71. cando as formigas pisen forte e os carballos dean uvas, han ser bos homes os das barbas rubias. [Para facer a burla dos homes louros].

  72. cando canta a cobra en marzo, neve en maio.

  73. cando canta o galo á mediodía, néboa para o outro día. Os galos cantan de mañanciña, se o fan a esta hora virá a néboa. Orixinal: cando canta o galo á mediodía, niebla pró outro día.

  74. cando falaba a auga: quérome ver cos que non saben nadar, que os outros xa están seguros. Todos han acabar caendo, ninguén se libra [os que saben nadar xa caen, pero os que non saben non se meten].

  75. cando o neto ó avó lle desquita a comida, non lle fai mal que lle prolonga a vida. Nos tempos de fame o meniño colle da comida do avó; como na vellez se debe estar delgado para ter boa saúde, non lle fai mal. Orixinal: cando o neto ó abuelo lle desquita a comida, non lle fai mal que lle prolonga a vida.

  76. cando o vello incha a sepultura rincha. A gordura repentina nun vello é sinal de morte próxima.

  77. canta coma un carro vello. Canta moi mal.

  78. canta coma unha frauta. Canta moi ben. Orixinal: canta coma unha flauta.

  79. cántalle á túa tía para que che dea. Faille festas á tía e darache algo. Orixinal: cántalle á túa tía pra que che día.

  80. cantan os capóns en Ferreira: fame no millo; contéstanlles os de Pantón: sempre cha acordo. [Dito aplicable aos dous sitios por estaren cerca un do outro]. Orixinal: cantan os capós...

  81. canto máis amigos, as contas máis claras. Non podemos fiarnos dos amigos nos negocios, hai que tratalos coma descoñecidos.

  82. casamento e mortalla, do ceo baixa. O casamento e a morte veñen rexidos pola vontade de Deus. Orixinal: casamento e mortaxa, do ceu baixa.

  83. chámalle antes que che chame. Á hora de insultarse sempre é mellor adiantarse en chamarlle ao outro, mellor atacar ca defender.

  84. chamoulle as de San Quintín. Rifaron e díxolle de todo, do peor.

  85. cheira coma un ovo podre. Cheira moi mal.

  86. cheiras coma unha bubela. Cheiras moi mal [porque esta ave fai o niño con merda de xente].

  87. co roubado ninguén medra. O que se rouba pouco axuda a mellorar.

  88. cocemos catro pans e sete debemos. [Aplícase a quen que debe máis do que ten]. Orixinal: cocemos catro pas e sete debemos.

  89. colleu garampallos. Colleu trapalladas [garampallos, restos de leña sen moito valor].

  90. come coma unha frieira. Come moito e ben. Orixinal: come coma un sabañón.

  91. comer calado coma os curas. Non se debe falar mentres se come [os curas primeiro comían e non calaban ata estaren fartos].

  92. compra barato e compra diario, e se compras caro levas comprado. É  mellor comprar algo bo e facelo unha vez, que algo mao moitas veces.

  93. con pan e viño ándase camiño. Con pan e viño xa é suficiente para subsistir.

  94. cóntaas tan grandes coma rodas de muíños. Conta unhas mentiras  moi exaxeradas.

  95. contra brancura non hai fermosura. O branco é sempre a cor máis bonita. Orixinal: contra blancura non hai hermosura.

  96. corta o pan en tarugos. Corta o pan en anacos moi gordos para botalo ao leite, caldo, etc. Orixinal: corta o pan en tarougos.

  97. cose algo para fóra. [Dise da muller que ten amores con varios homes]. Orixinal: cosía algo pra fóra.

  98. costureira sen dedal cose pouco e aperta mal. Sen dedal non se pode coser ben. Orixinal: custureira sin dedal cose pouco i apreta mal.

  99. curuxa papou! Xa non ten remedio, acabouse.

  100. da noite para a mañá o carneiro perde a la. 1. Hai que aproveitar o que se ten en cada momento. 2. Se non se anda listo pódese perder axiña o que se ten. Orixinal: da noite prá mañá o carneiro perde a la.

  101. da panza sae a danza. Despois de comer ben si que se pode bailar e divertirse na festa. Orixinal: da panza sale a danza.

  102. da que me caguen pouco importa que me limpen. Cando o mal xa está feito, non hai remedio, pouco importa poñer boa cara.

  103. dálle aire á saia! Apura, axiña!

  104. dálle unhas fregas a repelo! 1. Remedio que se lle fai a un doente para melloralo. 2.[ Dise para facer a burla de alguén].

  105. danlle por onde lle doe. Acertáronlle ben [acertáronlle nos testículos]. Orixinal: danlle por donde lle doi.

  106. dar punto. Coller vacacións.

  107. das flores a máis fea é a do viño. Ao se acabar o viño na pipa saen as flores brancas no líquido e xa sabe peor.

  108. de burro abaixo non hai máis para onde ir. Nada hai peor que a ignorancia. Orixinal: de burro abaixo non hai máis pr´onde ir.

  109. de caste lle vén ó can para non ser coelleiro. É un home moi conquistador, anda con moitas. Orixinal: de caste lle vén ó can pra non ser coelleiro.

  110. de marco a marco non hai arco. Nos eidos a estrema sempre vai recta, non fai curva.

  111. de muiñeiro a ladrón só vai un chanzo.  [Os muiñeiros tiñan mala fama por roubaren na maquía]. Orixinal: de muiñeiro a ladrón solo vai un escalón.

  112. de paus fanse achas. Dunha cousa sae outra.

  113. de pequeno rei, de mozo galán, de casado burro, e de vello can. As etapas da vida das persoas [o rei da casa-meniño, o conquistador-mozo, o traballador-marido, o vello que leva unha vida mala coma un can].

  114. de tres porcos seis touciños, doce patas, tres fociños, seis orellas e tres rabos, trinta anacos ben contados. [Frase para practicar a suma]. Orixinal: de tres porcos seis touciños, doce patas, tres fuciños, seis orellas e tres rabos, trinta anacos ben contados.

  115. debíalle unha débeda ó demo e veuna pagar aquí.  Que mala sorte, a onde veu parar. Orixinal: debíalle unha deuda ó demo e veuna pagar eiquí.

  116. defecto é roer a roupa. [Iso] non é ningún defecto, hainos ben peores. Orixinal: defeuto é roe-la roupa.

  117. desconfiarás e acertarás. Hai que ser desconfiado sempre.

  118. Deus che dea paciencia e no cu ocorrencia. Saber botar un peido a tempo cando hai algo importante é moi bo. Orixinal: Dios che día paciencia e no cu ocurrencia.

  119. Deus dá o frío segundo é a manta. Deus vai repartindo os males segundo as necesidades. Orixinal: Dios dá o frío según é a manta.

  120. Deus lle dea o que lle cómpre. Que teña o que lle gusta, que non o ten. Orixinal: Dios lle día o que lle cómpre.

  121. Deus nos dea moito e nos conforme con pouco. [Díselle a quen come moito]. Orixinal: Dios nos día moito e nos conforme con pouco.

  122. di a curuxa: "anda de día que la noche es mía". [Ela anda de noite].

  123. din as campás de Xeral: quen ten, val. Vales o que tes [din as campás de Geral-Ourense-].

  124. din que somos tres, eu digo que somos cinco, eu hei de ser o da mellora no terzo e no quinto. [Pensamento do avogado ao facer as partillas nunha casa] eu si que vou cobrar moito e ben. Orixinal: din que somos tres, eu digo que somos cinco, eu hei de ser o mellorante no tercio e no quinto.

  125. diñeiro e santidade, metade pola metade. O mellor é non pasarse en ningún dos dous. Orixinal: diñeiro e santidá, mitá pola mitá.

  126. dixo o demo que non estaba ben. [Dise despois de rematar un traballo] Non quedou ben acabado.

  127. do San Antonio ó San Xoán once días van.[ Celébranse as súas festas o 13 e o 24 de xuño]. Orixinal: do San Antonio ó San Juan once días van.

  128. do San Xoán ó San Pedro bota a conta polo dedo.[Son 5 días, do 24 ao 29 de xuño]. Orixinal: do San Juan ó San Pedro bota a conta polo dedo.

  129. dous é un e un é ningún. Se se teñen 2 fillos e morre un, aínda queda un; pero se só se ten un e morre, xa non queda ningún.

  130. duras coma nabos. [Dise das mozas que non se deixan enganar].

  131. é bo mozo, ten a cabeza por riba do pescozo. [Para facer a burla dun mozo].

  132. é bravo coma un teixo. É moi bravo, moi forte.

  133. é coma a rapina. Non deixa nada, leva todo.

  134. é coma folla de olmo. É unha persoa informal, con dúas caras [a folla do olmo ten dúas caras].

  135. é coma un bandallón. É moi bruto.

  136. é coma un toxo bravo. É  unha persoa de carácter serio, pouco cariñosa.

  137. é delgado coma unha espadela. É moi fraco [coma a espadela do liño].

  138. é filla de mai / de pai. Herda os xeitos da nai / do pai.

  139. é fino coma a la de gato. [Dise dunha persoa fina, aproveitada

  140. é máis vello ca andar a pé. É moi antigo.

  141. é malo coma a esterlina. É moi malo. Orixinal: é malo coma a esternina.

  142. é moi guicho. É  moi fino, moi agudo e listo.

  143. é moi mazada. É moi descansada.

  144. é moi taludo. É malo de entrar, maniático e de ideas fixas.

  145. é pequeno coma un cágado. É moi pequeno.

  146. é tan feo coma os meus pecados. É moi feo.

  147. é tan grande coma un día sen pan. É inmenso [un día sen comer faise moi longo]. Orixinal: é tan grande coma un día sin pan.

  148. é un baila na criba.  Non ten formalidade.

  149. é un carrafuzas. 1. É moi porco. 2. É moi amigo de andar con mulleres.

  150. é un chapón. É un boca aberta escoitando o que se di.

  151. é un falsario. Non é de fiar.

  152. é un gulumión. Non sabe conterse na comida, come demasiado do que lle gusta.

  153. é un noveleiro. É un mentireiro, xorde cousas.

  154. é unha mestra de cu colorado. É unha mestra que fai substitucións sen ter carreira. Orixinal: é unha maestra de cu colorado.

  155. ela come as castañas, a eles dálles os picos. Ela come o bo, para os demais queda o ruín. Orixinal: ela come as castañas, a iles dálles os picos.

  156. empezar con zocos e acabar con zapatos. Ir mellorando de situación económica aos poucos e sobre seguro.

  157. en boa hora vaia dito. Nunca tal me pasou.

  158. entra pola porta grande.  Vai directo, sen rodeos.

  159. entra se podes á casa, míralle ben os cornellos, para ben pouco muller é se non varre máis que os medios. [A muller da súa casa debe varrer tamén os recantos e sitios ocultos]. Orixinal: entra se podes á casa, míralle ben os cornellos, pra ben pouco muller é se non varre máis cós medios.

  160. entre marzo e abril ou o cuco ou a fin. Ou vén o cuco [nestes meses] ou se acaba o mundo.

  161. entre santo e santa, parede de calicanta. Hai que separar os mozos e as mozas, que a ocasión pode levar ás relacións amorosas.

  162. enxamea moito. Dá moitas voltas, non para.

  163. es mala coma a peste. Es moi mala.

  164. es un rabo aberto / es un cu aberto. Non pechas as portas cando saes.

  165. está acedo coma o rabo dun can. [Dise dunha comida moi aceda, sobre todo o caldo de nabizas].

  166. está arrancado. Non vai para arriba, arruínase.

  167. está ben aleitoado. Está ben coidado, lustroso.

  168. está como ha de ir. Está moi namorado, listo para casar.

  169. está no cerno. 1.  É moi duro e forte. 2.É moi maniático e de ideas fixas.

  170. está tras da retorta. Está ben pechado [porque alguén ten a chave e non a deixa].

  171. está un pouco tenente. Oe pouco. Orixinal: está un pouco teniente

  172. estar de torradas. Estar parida [as mulleres, ao pariren, merendaban torradas].

  173. estás cego como unha toupa. Non ves nada. Orixinal: estás cego como unha tiopa..

  174. este mundo é unha trampa e eu de trampas vivo, se se acaban as trampas, queda o mundo perdido. Hai que ter resignación. Orixinal: iste mundo é…

  175. estoupou coma unha castaña. Rebentou.

  176. eu en carnes de can¡ [Dise a frase sobre alguén que obriga a traballar demasiado aos demais, que é malo para a familia, que non é recomendable].

  177. facer as rollas. Quitarlle as cueiras aos calzóns para facer rollas de fregar.

  178. facía moitas sabas de tomento.Facía sabas de mala calidade por seren do tomento [o malo que se lle saca ao liño].

  179. fai ben e non mires a quen. Hai que facer o ben sempre.

  180. fai mal e vélate. Se obras mal, ten coidado, podes sufrir as consecuencias.

  181. fai o que o cura diga, non o que o cura faga. O cura predica ben, as obras son outra cousa [non sempre predica co exemplo].

  182. fai trampas, trampón, que para ti che son. Se fas trampas sufrirás as consecuencias.  Orixinal: fai trampas, trampón, que pa ti che son.

  183. faille bo bico. Ponlle as cosas fáciles. Orixinal: faille bon bico.

  184. febreiriño curto cos seus 28, se duraras dous máis non deixarías cornas ó carneiro nin orellas ó pegureiro. En febreiro vai moito frío.

  185. febreiro quente leva o diaño no ventre. En febreiro cómpre que vaia frío [a calor non é boa para as terras neste mes].

  186. ferve como pote de papas. É un rapaz con moita alegría no corpo.

  187. fía delgado. É delgado, fraco.

  188. fíate en Deus e non corras. Pouco importa correr se non te fías de Deus, se non fas nada. Orixinal: fíate en Dios e non corras.

  189. fillos criados, pesares dobrados. Os fillos xa criados dan dobre traballo. Orixinal: fillos criados, pesares doblados.

  190. fillos, tantos coma ollos. Os matrimonios deben ter dous fillos.

  191. foi en pelo coma as bestas en Monterroso. Non levaba nada que aportar no casamento [na feira de Monterroso as bestas ían sen aparello, sen nada].

  192. fúmalle as tripas a un can. Fuma moito.

  193. fun á casa do veciño e avergonceime, volvín á miña e arranxeime. O veciño non me emprestou [algo] e logo arranxeime eu na casa sen axuda. Orixinal: fun á casa do veciño e avergonceime, volvín á miña e arregleime.

  194. goberna mentres tes que. Aproveita que logo non haberá. Orixinal: goberna mentres tes que. Orixinal: goberna mentras tes que.

  195. gústalle augallar. Gústalle botarlle auga ó leite, ó viño, ó caldo.

  196. ha de ir coma os meus zocos. Parece que nunca vai suceder iso, que non se chegará a algo.

  197. ha de levar tanto como cabe na meniña dos ollos. Coida levar moito na herdanza, pero pouco ha levar.

  198. hache chegar a terra por riba dos ollos. Tamén ti has morrer e acabarás cuberto de terra [díselle a alguén egoísta, que todo o quere para si][.

  199. hai que lle poñer unha rolla no cu. Bota moitos aires, moitos peidos. Orixinal: hai que lle poñer un corcho no cu.

  200. hai que pedir a quen ten. Quen non ten non pode dar nada, quen ten, si.

  201. hai quen di o que sabe e non sabe o que di. Fala moito mais sen tino.

  202. hai quen nace de pé coma o gato. Ten moita sorte.

  203. hai xente que perde ata a faca. Perde as cousas facilmente. Orixinal: hai xente que perde hasta a faca.

  204. heite apuntar no caderno. [Díselle a alguén para pedirlle un favor, aínda que logo se esqueza devolverllo]. Orixinal: heite apuntar na libreta.

  205. home casado muller é. O home casado xa non é home, fai de muller [porque manda ela].

  206. home pequeno en asta pon. O home pequeno ten o sexo grande.

  207. home pequeno, fol de veleno. O home pequeno ten mal xenio. Orixinal: home pequeno, fol de veneno.

  208. inda a sogra levanta ben a tapa da artesa. [Dise cando van casar dous] aínda a sogra é nova.

  209. inda andaba de refaixo. [No tempo en que os nenos andaban aínda de refaixo ata seren grandes].

  210. inda non perdeu os fumes. Aínda pensa que é o que xa non é.

  211. inda que botes e rebotes garavanzos nunha criba, aínda que botes e rebotes, a miña ha de quedar por riba. [Anaco dun desafío]. Orixinal: anque botes e rebotes garavanzos nunha criba, anque botes e rebotes, a miña ha de quedar por riba

  212. ir e vir chámase carrear. As cousas vanse facendo aos poucos.

  213. iso son contos podres. É unha cousa que xa se sabe de vello e a venden coma novidade.

  214. isto cheira a torrado. Todo parece indicar  que non vai saír ben o asunto. Orixinal: esto cheira a torrado

  215. labrador pescador e cazador, arañas no fumeiro e fame no comedor. [Cazar e pescar son oficios de xente que traballa pouco e non haberá na casa deste labrador moito que comer].

  216. labradores novos, mal polas silveiras. Non fan os arredores, deixan as silvas.

  217. lebres arriba, coellos abaixo, mulleres para as festas e para as romarías. Dito popular [as lebres corren para arriba, os coellos para abaixo, ´s mulleres gústanlles as festas]. Orixinal: lebres arriba, coellos abaixo, mulleres prás festas e prás romerías

  218. leite con viño fai do vello un mociño. Esta mestura transforma o vello en novo.

  219. leite mazado, peido no rabo. O leite mazado provoca moitos peidos.

  220. leva o inferno en vida. Ten pasado moitos traballiños.

  221. lonxe da vista, lonxe do corazón. Quen marcha, pronto esquece o amor de antes.

  222. máis vale dar ca pedir. É mellor non depender de ter que pedir emprestado.

  223. mal arransallado, morte no cabo. Doenza da que non se dá saído acabará na morte.

  224. mal de mulleres e coxeas de cans, nunca caso lles farás. [As mulleres acostuman a queixarse sen motivo e os cans a finxir coxeiras]. Orixinal: mal de mulleres e coxeas de cas, nunca caso lles farás.

  225. malia o ben que polo trono vén. A treboada trae auga pero tamén moitas desgrazas.

  226. mama polas tetas de diante. Está ben alimentado [coma o porco que mama polas tetas dianteiras].

  227. mama por unha teta seca. Non lle dan nada, nada consegue.

  228. manda chover na Habana! Que cousa, que marabilla!

  229. mans que non dades, que esperades. Quen non traballa non recolle nada. Orixinal: maus que non dades, que esperades.

  230. mar revolta, sorte para os pescadores. Co mar bravo péscase máis. Orixinal: mar revolta, sorte pós pescadores.

  231. martes día dos amantes. O martes é o mellor día para visitar os amores [ antes cando os mozos ían para onda as mozas se eras martes dicían esta frase]

  232. marzo iguarzo. En marzo tan grande é o día coma a noite.

  233. marzo ventoso e abril chuvioso. Para as terras o mellor é moito vento en marzo e chuvia en abril.

  234. medra coma sebo na vela. Non medra nada.

  235. menos dá un toxo. Hai que aproveitar todo o que se poida.

  236. mentres non hai morte non hai mala sorte. Menos a morte, todo se arranxa. Orixinal: mentras non hai morte non hai mala sorte.

  237. mentres un é zafra non é martelo. Mentres un está debaixo doutro non manda el, logo cando el estea por enriba xa mandará.  Orixinal: mentras un é zafra non é martelo

  238. mercar sen ter, vender sen querer. Quen fai unha compra sen ter con que, vende do del sen querer. Orixinal: mercar sin ter, vender sin querer.

  239. miña mai, miña maiciña, coma ela non hai ningunha, amáñame a camisa coas mangas dentro da súa. Non hai amor coma o da nai. Orixinal: miña mai, miña maiciña, coma ela non hai ningunha, arréglame a camisa cas mangas dentro da súa.

  240. moitas veces vai a ola á fonte e dunha rompe. Se se repite moito algo perigoso, acaba por pasar o que non debía.

  241. moito te matas por ver Madrid. Xa se esgotaron todas as posibilidades para conseguir ver algo.

  242. morde e non ladra. Non avisa e fai o dano, manca.

  243. muller con bigote escusa dote. Non vai casar polo seu aspecto.

  244. muller morta sete á porta. Un viúvo axiña atopa unha nova muller.

  245. muller sularmeira, puta ou meiga. [Sularmeira é a muller con moito conto, labieira].

  246. na cadea e na sepultura todos temos unha herdanza. En calquera momento podemos ir á cadea ou morrer. Orixinal: na cárcel e na sepultura todos temos unha herencia.

  247. na casa do carpinteiro sentarse no chan e na do ferreiro coitelo de pau. [Moitas veces o profesional traballa fóra e non na propia casa, que a ten abandonada]. Orixinal: na casa do carpinteiro sentarse no chau e na do ferreiro cuchilo de pau.

  248. nariz nacho, boa rapaza. Son boas rapazas as que teñen o nariz nacho, achatado. Orixinal: nariz nacha, boa muchacha

  249. neno de teta é coma o pan de porreta. O neno que aínda mama é moi tenro, que aparenta, engana, a bonitura non dura cando o neno medra.

  250. nin de risas nin de veras, non xogues co pai ás peras. [Non se lle debe perder o respecto ao pai, non xogar con el como se fose un cativo].

  251. nin que fora fillo dun cura. Non se lle sabe do pai.

  252. no mes de abril cear sen candil. Xa son os día longos, pódese cear coa luz do día en abril. Orixinal: no mes de abril cenar sin candil.

  253. no mes de abril vai a vella onde quere ir. O día é grande [sempre chegará aínda que vaia devagar].

  254. no mes de xaneiro sube ó outeiro, se ves verdegar bota a chorar, se ves negrear bota a cantar. En xaneiro debe xear e estar todo seco.

  255. no tempo e na morte non hai fundanza. Non hai firmeza [en calquera momento pode mudar o tempo ou vir a morte].

  256. non asenta cabeza. Non para quieto nun sitio.

  257. non cases cun viúvo por moitos cartos que teña, porque sempre che dirá "mullerciña a primeira".  A primeira muller sempre é a máis importante. Orixinal: non te cases cun viúdo por moitos cartos que teña, porque sempre che dirá "mullerciña a primeira".

  258. non cases por facenda que son bens sen fortuna, casa con boa xente, a mala sempre dura. O importante no casamento é a persoa, non o que teña. Orixinal: non te cases por facenda que son bes sin fortuna, cásate con boa xente, a mala sempre dura.

  259. non dá sarna a gato. Non se pode esperar [del] nada.

  260. non fai falta preguntar de quen é. Seméllase moito á familia.

  261. non fai onza de ben. Non fai favores, non axuda aos demais.

  262. non garda a mexa. Non sabe gardar segredos.

  263. non hai casamento pobre nin enterro rico. [Ao casar ninguén é pobre porque ten un futuro e está ledo, ao morrer é o contrario, pérdense as riquezas].

  264. non hai mel sen aguillóns. Non hai rosas sen espiñas, alegrías sen tristuras [as abellas dan o mel pero tamén pican]. Orixinal: non hai mel sin aguillós.

  265. non hai pan sen afán. Para conseguir calquera cousa hai que traballar. Orixinal: non hai pan sin afán.

  266. non hai sábado sen sol. [Cando un sábado chove moito, dise a frase, dando a entender que nalgún momento ha de raiar o sol]. Orixinal: non hai sábado sin sol.

  267. non lle aprenderon a cartilla da boa crianza. É un maleducado.

  268. non lle partas a mexa. Non o cortes no traballo, déixao continuar. 2. [Os rapaces mexaban ao lume da lareira e dicíase isto pensando que era mellor deixalos].

  269. non lle quedou a lingua presa ó cu da nai. Ten moita lingua, fala demasiado. Orixinal: non lle quedou a lengua presa ó cu da mai.

  270. non sae da borralla. Non mellora nada na vida. Orixinal: non sale da borralla.

  271. non se aplanan. Non chegan a un acordo [nun preito]. Orixinal: non se allanan.

  272. non se fai cousa de noite que non se saiba de día. Todo se acaba sabendo. Orixinal: non se fai cousa de noite que non se sepa de día.

  273. non te gabes ata que te acabes. Ata rematar o traballo non se sabe como quedará. Orixinal: non te alabes hasta que te acabes.

  274. non todos van á misa por rezar. [Hai xente que aproveita para roubar nos santuarios, para falar mal de outros, etc].

  275. non van comer xuntos a arroba de sal. [Aplícase a unha parella que comezan a convivir]  Pouco durarán pouco xuntos.

  276. non ves un burro a tres pasos. Non ves nada.

  277. nunca pidas a quen pediu nin nunca sirvas a quen serviu. [Son os peores, xa non lembran cando estaban mal e non son solidarios].

  278. ó  lado da roca nada lle toca, ó lado do fuso es escuso. [A roca non che dá, mais se te pos ao lado do fuso molestas porque hai que estirar o brazo para traballar].

  279. o bo pagador é dono da bolsa allea. [Como paga ben sempre lle emprestan]. Orixinal: o bon pagador é dono da bolsa allea.

  280. o boi na súa corte de seu se lambe. Onde mellor se está é no dun, na súa casa. Orixinal: o boi na súa corte de seu se delambe.

  281. o borracho di o que ten no papo. Os bébedos non saben gardar segredos.

  282. ó caer as follas é cando se ven os niños. Ao pasar o tempo é cando se vai vendo a verdade nun suceso.

  283. o can ladrador nunca foi o máis mordedor. Quen moito fala e ameaza pouco fai finalmente.

  284. o casado casa quere. Cada parella debe ter a súa vivenda [e  non vivir con outros familiares].

  285. o chocolate do amigo, mal cocido e ben batido. [Así é o bo chocolate, ben remexido e medio cru].

  286. o cortizo das malas abellas mide as súas polas alleas. [ Dise de alguén que obra mal e considera que os demais tamén obraron ma].

  287. o cura onde canta, alí xanta. Na casa onde se traballa deben dar a comida [como os curas comen nas parroquias onde foron dicir os oficios].

  288. o de marras. [Cando dous están falando dun asunto coñecido por eles, danlle ese nome para que un terceiro -un rapaz- non saiba de que se trata].

  289. o demo que as fai deixa o rabo fóra. Sempre se acaba coñecendo algunha trampa ou falcatrúa que se fixo.

  290. o dito, dito. Xa queda dito, non hai volta.

  291. o froito raro no eido e basto na arca. Hai que sementar os froitos raros para que dean boa colleita. Orixinal: o fruto raro no eido e basto na arca.

  292. o galego se tivera o acordo coma o trasacordo, non había quen o fodera. [Se tiveramos tan boa a memoria como somos desconfiados, mellor nos iría aos galegos]. Orixinal: o gallego se tuvera o acordo coma o trasacordo, non había quen o fodera.

  293. o gardar sempre foi ben. O aforrar é bo.

  294. o gato escaldado á auga fría ten medo. Quen pasou por unha mala situación sempre ten medo a que se repita, desconfía sempre.

  295. o hábito non fai o monxe. Non chega coas maneiras, co comportamento exterior.

  296. ó home desafortunado párenlle a muller e a burra no mes de maio. [Maio é mal mes para as crías, logo vén o verán e a escaseza da natureza].

  297. o home e o oso, canto máis feo máis fermoso. O home non ten porque ser guapo. Orixinal: o home i o oso, canto máis feo máis hermoso.

  298. o home onde nace, o boi onde pace. As persoas sempre tiran para a terra natal.

  299. o martes non cases nin embarques nin a túa ceba mates. O martes é mal día, de mala sorte. Orixinal: o martes non te cases nin te embarques nin a túa ceba mates.

  300. o mexarrán de Oleiros. [Dise do viño desta parroquia (Carballedo-Lugo), frouxo e con poucos graos].

  301. o mundo durará mil, non miles. No ano mil acabarase o mundo.

  302. o ollo do gato mira por catro. O gato todo o ve.

  303. o pai de escaravello e o fillo de espello. [Pensábase que era mellor que non estudasen os fillos; que logo os pais ao se veren no espello filial, ollábanse máis baixos, a fozaren na terra].

  304. o pau de piñeiro, se rompe rompino. [A madeira de piñeiro fácil de romper e pouco se perde, non ten valor]. Orixinal: o pau de pino, se rompe rompino.

  305. o paxaro habilideiro fai o niño no xaneiro. O paxaro listo e previsor xa fai o niño en xaneiro.

  306. o pombiño cando empeza a voar é cando lle hai que cortar as ás. Non se pode deixar que alguén colla o mando pronto, logo xa é tarde xa para o evitar [sobre todo aplicado á educación dos cativos]. Orixinal: o pichón cando empeza a voar é cando lle hai que corta-las alas.

  307. o que becerros non vende e vacas non ten, a ver de onde lle vén / o que becerros non vende e vacas non ten, de algures lle vén. Ou o rouba ou o consegue por outros medios ilícitos xa que non ten bens de seu.

  308. o que cedo adenta, cedo aparenta. Quen bota dentes cedo, vai ter irmáns pronto.

  309. o que co vello queira acabar, que lle dea vacas a gardar. Gardar vacas é un mal traballo, que acaba coa xente. Orixinal: o que co vello queira acabar, que lle día vacas a gardar.

  310. o que con auga se cura pouco dura. A auga é un mal remedio.

  311. o que con rapaces se deita, mexado se levanta. As trasnadas son propias dos rapaces, non pode un fiarse deles.

  312. o que contas non bota, contas non lle saen. Hai que ser precavido e mirar o que se ten antes de se meter nun negocio ou gasto. Orixinal: o que contas non bota, contas non lle salen.

  313. o que di o que entende e non entende o que di. Non sabe do que fala.

  314. o que escoita, de si oe. A xente de todos fala ou critica, ninguén escapa.

  315. o que garda sempre ten. Hai que aforrar.

  316. o que ha de levar xa o ten alá. Non vai levar máis da casa [na herdanza ou outra situación].

  317. o que lle desexa mal ó veciño, vénlle a súa polo camiño. Pronto lle pasará a el tamén. Orixinal: o que lle desea mal ó veciño, vénlle a súa polo camiño.

  318. ó que lle doe o dente, que o leve a dentuza. O que necesita algo é quen se ten que mover, quen ten que procuralo [dentuza é o dentista].

  319. o que lle teña medo ó trono, que se meta debaixo da cama da sogra, que esa non hai raio que a parta.[ Dito humorístico contra as sogras].

  320. o que lonxe vai casar, ou chata leva ou vai buscar. [Está mal visto o casar lonxe], ou se esconde algún defecto ou se pode levar un calote coa parella.

  321. o que mal empeza mal acaba. Quen ten malos principios acabará mal.

  322. o que merca sen ter, vende sen querer. Verase obrigado a vender axiña. Orixinal: o que merca sin ter, vende sin querer.

  323. o que moito aperta pouco agarra. Non se pode abusar, pedir máis do debido. Orixinal:  o que moito apreta pouco agarra.

  324. o que non quere unha cunca de caldo darlle tres. Se [alguén] non quere algo, darlle máis do mesmo, insistirlle. Orixinal: o que non quere unha taza de caldo darlle tres.

  325. ó que non ten chámanlle ninguén. Quen non ten bens non é considerado nin respectado.

  326. o que non ten cruz ten cruceiro. Ten moitos traballos na vida [é máis grande o cruceiro cá cruz].

  327. o que o pille ten que madrugar, que cedo érguese el. Es moi agudo, moi fino, esperto e listo. Orixinal: o que o pille ten que madrugar, que cedo levántase il.

  328. o que o seu cede en vida, que colla o fol e pida. Se se ceden os bens aos descendentes en vida, quedarase sen nada.

  329. o que pon o lume ó pé das estopas, vén o demo e sopra. Non se debe [un] poñer diante dos perigos, é mellor evitalos. Orixinal: o que pon o lume ó pé das estopas, vén o demo e sopla.

  330. ó que porcos lle faltan, á porta lle roncan / ó que porcos lle faltan, róncanlle as silveiras. Cando [a alguén] lle marcharon os porcos sempre lle parece que andan cerca, polos arredores.

  331. o que queira do porco o entrecosto que o faga no mes de agosto. [Hai que lle dar ben de comer ao porco no mes de agosto para que críe ben graxa e unto]. Orixinal: o que queira do porco o entrecostre que o faga no mes de agosto.

  332. o que se ha cocer é mellor asalo. Se se ha de facer, mellor facelo axiña.

  333. o que se usa non se escusa. As cousas que se necesitan hai que telas na casa.

  334. ó que serve a señores non lle faltan dolores. Sempre terá problemas quen traballa ao servizo de outro [o mellor é traballar para si, ser ir a señores é moi traballoso]. Orixinal: ó que sirve a señores non lle faltan dolores.

  335. o que ten fillos na muller allea, perde fillo e feitura. [Porque o fillo quedará coa nai].

  336. o que ten fillos que non bote por ela. Un pai ou nai non debe ter soberbias [sempre lle pode pasar a el o que a outro lle pasou cos seus fillos].

  337. o que ten padriño bautízase. Quen vai recomendado consegue o que pide. Orixinal:  o que ten padriño boutízase.

  338. o que ten rabo non senta. [Porque llo pisan]. Orixinal: o que ten rabo non se senta.

  339. o que teña apuro que vaia andando. Quen teña présa, que marche.

  340. o que un pendango queira ver, que lle dea unha luz a acender. [Antes había moita xente que non tiña habilidade para acender a luz do gas]. Orixinal: o que un pendango queira ver, que lle día unha luz a encender

  341. o que vai á voda, que leve que coma. Ás vodas hai que levar agasallo.

  342. o que vai adiante sempre leva vantaxe. Os primeiros sempre van mellor. Orixinal: o que vai adiante sempre leva ventaxe.

  343. o que xoga e perde, paga e cala. No xogo hai que pagar as débedas e non discutir.

  344. o qué?, co ollo do cu que non ve. [Resposta para alguén moi curioso, que sempre anda preguntando o que?].

  345. o rei onde non está non parece. Por moitas voltas que se lle dea, se non hai non parece.

  346. ó rico mórrenlle os fillos e ó pobre os porcos. [O valor dos porcos na economía dos pobre é tanto que a súa morte a senten tanto como un rico sente a dun fillo].

  347. o río cando roxe, porque auga leva. Se se escoita falar de algo é porque algo hai.

  348. o saber non ocupa lugar. Os coñecementos sempre son bos.

  349. o sol de marzo queima a dama no pazo.O sol de marzo non é san. Orixinal: o sol de marzo queima a dama no palacio.

  350. o temperán nunca lle pediu nada ó serodio. Sempre é mellor sementar antes ca despois do habitual. Orixinal: o temperao nunca lle pediu nada ó serodio.

  351. o temperán ou en palla ou en gran. O centeo sementado cedo cargará en na palla ou no gran, non se queda sen nada. Orixinal: o temperao ou en palla ou en grao.

  352. o teu segredo non llo contes ó amigo hoxe, o amigo é mañá testemuña.  Ese mesmo amigo pode no futuro testemuñar en contra [dun], hai que ser precavido. Orixinal: o teu secreto non llo contes ó amigo hoxe, o amigo é mañá testigo.

  353. o tolo pola pena é cordo. Co castigo o tolo colle xuízo.

  354. o traballo dos rapaces é pouco, o que o perde é un louco. Aínda que os rapaces non fan moito, non se deben desaproveitar nunha casa.

  355. o vello onde non sabe usma. Os vellos cando non saben [de algo] inventan.

  356. onde hai galo non canta galiña. Onde hai home non manda muller.

  357. onde non te chaman, que che quererán? Mellor non ir onde non chaman [a un].

  358. os bens do sancristán por onde veñen van. [Como veñen do que xunta no seu traballo secundario de sancristán, desprézaos, non os valora. Orixinal: os bes do sacristán por onde veñen van.

  359. os cans grandes non se morden uns ós outros.  Os ricos axúdanse entre si para amolar ao pequeno.  Orixinal: os cas grandes non se morden unhos ós outros.

  360. ós cinco faime un circo que ós seis eu meterei. [Aos cinco meses facíaselles aos meniños un círculo de roupa, porque aínda non se tiñan, para que se mantivesen sentados nel; aos seis meses xa se tiñan en pé].

  361. os lobos tiran ó monte. A xente mala obra mal sempre.

  362. os rapaces son fillos de Deus e testemuñas do demo. Canto oen, canto din, non gardan segredos. Orixinal: os rapaces son fillos de Dios e testigos do demo.

  363. ovella que berra, bocado que perde. Mentres se fala non se traballa.

  364. págallas a pel. Sofre as consecuencias.

  365. pais porcos, fillos marráns.Todo se herda. Orixinal: pais porcos, fillos marraus.

  366. pan con pan, comida de bobos. Ha de ter compango a boa comida.

  367. pan de millo, pan de Deus, dunha miga fanse dous. O pan de millo esfaragulla moito, por iso hai que amasalo mesturado con centeo para que bregue.[que se poña duro sen esfaragullar]. Orixinal: pan de millo, pan de Dios, dunha miga fanse dous.

  368. pan sen graxa, pan sen taxa. [Porque non mantén] Orixinal: pan sin grasa, pan sin tasa.

  369. pano ruín non ten man dos mendos. Non vale nada o pano ruín, non merece a pena arranxalo e remendalo. Orixinal: pano ruín non ten mau dos mendos.

  370. papas e casamento en quente. As papas hai que comelas ben quentes e os namorados deben casar canto antes.

  371. para aprender a capar hai que cortar moitos collóns. A experiencia vale moito e cóllese coa práctica. Orixinal: pra aprender a capar hai que cortar moitos collós.

  372. para baixo todos os santos axudan. Non supón esforzo camiñar cara abaixo. Orixinal: pra baixo tódolos santos axudan.

  373. para botar o millo ten que quecer o cu na pedra. Para a sementeira do millo debe quecer o tempo. Orixinal: pra bota-lo millo ten que quecer o cu na pedra.

  374. para cobrar todo o mundo anda agudo. Cobrar non é ningún esforzo. Orixinal: pa cobrar todo o mundo anda agudo.

  375. para na ponte dos burros. Ten que parar no mesmo sitio ca todos, non pode el seguir adiante.

  376. para o aforrador nunca faltou un desprezador. Sempre hai alguén que lle gaste todo ó aforrador. Orixinal: pró aforrador nunca faltou un despreciador.

  377. para o pan engraiar ten que o cabalo tremer. Para que o centeo bote o gran ten que ir frío. Orixinal: pra o pan graiar ten que o cabalo temblar.

  378. para o pan espendoar ten que o cabalo tremer.  Ten que estar o tempo frío para que o centeo bote o pendón. Orixinal: pra o pan espendoar ten que o cabalo temblar.

  379. para o pillar hai que se descalzar. É moi fino, moi agudo e listo. Orixinal: pra o pillar hai que se descalzar.

  380. para onde vas muller ben casada?: para onde non teñas sogra nin cuñada. [O mellor para a casada nova é vivir en casa propia sen as mulleres da familia do marido]. Orixinal: pra donde vas muller ben casada?: pra donde non teñas sogra nin cuñada.

  381. para os curas e para os cans nunca faltan boas mañás.[Para os curas sempre hai algún morto que trae cartos co enterro, para os cans algunha carnaza que comer]. Orixinal: prós curas e prós cas nunca faltan boas mañás.

  382. páranlle ben as cabras. Acostúmase ben nun sitio.

  383. paraugueiro e caldeireiro, canto máis burro máis esmorgueiro. Dito humorístico sobre paraugueiros e caldeireiros. Orixinal: paragüeiro e caldeireiro, canto máis burro máis parrandeiro.

  384. parece que lle botaron ben sal cando o bautizaron. É moi pándego e divertido. Orixinal: parece que lle botaron ben sal cando o boutizaron.

  385. parece que mira / remira contra o goberno.  Mira atravesado. Orixinal: parece que mira / remira contra o gobierno.

  386. parece que morreu un escribán. [Dise cando vai moito aire, máis vento do normal]. Orixinal: parece que morreu un escribano.

  387. parece que ten a ictericia. Ten mala cor, está amarelo como se tivese esa enfermidade. Orixinal: parece que ten a tiriz.

  388. parece que vai con misa. Vai con moita présa, como se fose dicir a misa.

  389. parece un can galgo. [Dise dunha persoa que corre moito, que vai de présa]

  390. pareces un pito cairo. Estás moi mollado [pito cairo é o pito con poucas plumas]

  391. pásalle coma o rato cando lle vai a donicela enriba. O que manda é o xefe, vaille enriba e ten medo del.

  392. pecado encuberto é medio perdoado. Se non se sabe o pecado, é menos pecado.

  393. pedir é de homes, dar é de mulleres. Son os homes os que deben pedir [as relacións sexuais], son as mulleres as que acceden ou non.

  394. pensa que o berimbao é gaita. Pensa [alguén] que é así, mais é outra cousa, doutro xeito.  Orixinal: pensa que o birimbau é gaita.

  395. perde a caneca. Cáelle algo que trae na man.

  396. pés na cama e brazos na estribeira. Cando [alguén] se manca nun pé debe curalo na cama, se é nun brazo, debe traelo na estribeira.

  397. pésalle a faldriqueira. Ten moitos cartos soltos. Orixinal: pésalle a faltriqueira.

  398. pesca os gaios vivos. É moi fino, agudo e listo.

  399. peso levantado é medio levado. [Se lle erguen a un o feixe xa é medio traballo feito].

  400. pica coma un toxo. Pica moito.

  401. pica fino. Anda a pasos moi pequenos.

  402. pinta o San Lourenzo. Enfádase moito.

  403. pode andar coa cara destapada. Nunca fixo mal, pode ir a calquera sitio.

  404. pola merda comemos o pan. O esterco bótaselle á terra para que dea pan.

  405. polo San Brais tanto ten que chores coma que deixes de chorar, a metade do inverno está sen pasar. Aínda falta moito mal tempo por vir [o 3 de febreiro]. Orixinal: polo San Blas tanto ten que chores coma que deixes de chorar, a mitá do inverno está sin pasar.

  406. polos rapaces e polos cas sempre empezan os paus. 1.Os rapaces o os cans axiñan comezan a pelexar. 2. Os rapaces e os cans son os que levan sempre as culpas [de algo]. Orixinal: polos rapaces e polos cas sempre empezan os paus.

  407. por  tras chámanlle ó rei cornudo. Poden dicir o que queiran por detrás, non importa.

  408. primeiro pídelle un bico e despois un abrazo e despois o que tes debaixo do refaixo. [Aplícase ás relacións amorosas]. Orixinal: primeiro pídelle un bico e dispois un abrazo e dispois o que tes debaixo do refaixo.

  409. que me miren por tras, que por diante mírome eu. [Dise cando murmuran de un].

  410. que non dure máis a mala veciña que dura a neve na febreiriña. A neve en febreiro pronto derrete. Orixinal: que non dure máis a mala veciña que dura a neve na frebeiriña.

  411. que non lle mexen torto. Que lle vaian as cousas dereitas.

  412. que non teñas que botar as mans á cabeza. Mira ben o que fas para non te arrepentires. Orixinal: que non teñas que bota-las maus á cabeza.

  413. quedou descalzo. Quedou sen nada, pobre.

  414. queixo sen ollos e pan con ollos. [Son os mellores]. Orixinal: queixo sin ollos e pan con ollos.

  415. quen ben empeza ben acaba. Hai que facer as cousas ben desde o inicio.

  416. quen é o meu herdeiro?: o que me limpa o traseiro. Herdará os meus bens que me coide.

  417. quen fai rocas logo morre. [Aplícase a un home que xa non pode traballar forte noutras cousas e fai rocas].

  418. quen mallou, mallou. [Cando xorden dificultades nun traballo, o que xa o ten feito di esta frase].

  419. retrato fino e barato. [Dito popular humorístico] que se lle ve o cu.

  420. rézalle a Santa Apolonia para que non che doa dente nin moa. [santa avogosa para os males da dentadura]. Orixinal: rézalle a Santa Apolonia pa que non che doia dente nin moa.

  421. rompe coma a merda. Rompe moi facilmente.

  422. rompe pouco a roupa nos cóbados. Esfórzase pouco nos estudos. Orixinal: rompe pouco a roupa nos codos.

  423. rubio para Oseira, vellos á raxeira. Hai tempo firme e seco. [Oseira está cara ó oeste en Trasar de Carballo]. Orixinal: rubio pra Useira, vellos á raxeira.

  424. sabe ben a cartilla. Sabe ben o que fai.

  425. sabe coma resolio. [Dise do viño que sabe ben].

  426. sabe onde o manca o zapato. Sabe que é o que lle doe, o que o apura ou preocupa.

  427. salta coma un castrón. Salta moito.

  428. se neste mundo queres gozar, tes que oír, ver e calar. Hai que ser discreto para vivir ben.Orixinal:  se niste mundo queres gozar, tes que oír, ver e calar.

  429. se non lle fora ela había de comer en cunca de la coma o gato. É moi nugallán, se non fora ela pasaría fame.

  430. se non pagas en copas tes que pagar en bastos. Dun xeito ou doutro has de pagar [como nos paus da baralla das cartas].

  431. se queres baixar, dálle moito ó zapato e pouco ó prato. Para adelgazar hai que andar moito e comer pouco. Orixinal: se queres baixar, dálle moito ó zapato e pouco ó plato.

  432. se queres o criado ben mandando, ponlle o caldo e mándao ó recado. [Así volverá pronto para comer].

  433. se queres que o carro cante, móllalle o eixe no río, despois, co eixe mollado, canta coma un asubío. [Así o carro cantará mellor]

  434. se se lava o gato venta hóspede. Virá xente á casa [se se lava da orella para baixo, virá unha muller; se é da orella para riba será un home]. Orixinal: se se lava o gato venta güesped.

  435. se se ve no canto del, mexa por unha perna e caga pola outra. Fai cousas ás que outros non lles darían xeito. Orixinal: se se ve no canto dil, mexa por unha perna e caga pola outra.

  436. se se ve nos seus pantalóns. O que faría [el] na mesma situación. Orixinal: se se ve nos seus pantalós.

  437. se soñas con dentes, morte nos parentes. [Crenza popular].

  438. se tes o pano e as liñas cortas por onde queiras. Se tes algo do teu fas o que queres, se tes que agardar polo de fóra, xa non é o mesmo.

  439. se vas quedar para amparo de miñotos. Pensas que non vas morrer [miñotos son os bichos que comen os cadáveres]. Orixinal: se vas quedar pa amparo de miñotos.

  440. seica lle nacen os dentes. [Dise cando fai algo mal, atolado]

  441. seica tes as cataratas. Queres ver algo e non es quen de velo.

  442. sente a calor como unha vaca vella. Non atura a calor [como lles pasa ás vacas vellas]. Orixinal: sinte o calor como unha vaca vella.

  443. sobe coma un gato. Agatuña moi ben.

  444. sobe polas paredes arriba. Móvese moi áxil e lixeiro.

  445. somos de Albán, que canto teñen ó lombo tran. [Dito sobre a xente de Albán, preto de Ourense. Díselle a alguén que anda sempre coa mesma roupa].

  446. somos de Chouzán onde non hai viño nin pan e no tempo das cereixas damos as queixas. [Dito sobre esta parroquia na ribeira do Miño na que había moita pobreza]. Orixinal: somos de Chouzán donde non hai viño nin pan e no tempo das cireixas dámo-las queixas.

  447. son eles algo fatiño. [Dise de xente pequena]. Orixinal: son iles algo fatiño.

  448. son os mesmos cans, pero con distintos colares. Non nos enganan, que ben os coñecemos. Orixinal: son os mismos cas, pero con distintos collares.

  449. tamén ten que pasar polo cribo. Ten que ser coma os demais.

  450. tan longo foi o día coma a romaría. Xa acabou todo. Orixinal: tan largo foi o día coma a romería.

  451. tapa masa tapa, mentres o cerralleiro non pasa. [O cerralleiro que viña polas portas tapaba os buracos nas potas con masa e axiña se destapaban]. Orixinal: tapa masa tapa, mentras o zarralleiro non pasa.

  452. ten a cabeza quente. Está borracho.

  453. ten a cama coma un cubil. É moi descoidado co aseo, moi porco.

  454. Ten a lingua moi sucia, hai que lavarlla con sal e vinagre. Di moitas palabras desagradables. Orixinal: Ten a lengua mui sucia, hai que lavarlla con sal e vinagre.

  455. ten a súa pasada. [Dise cando morre alguén: todos temos que morrer, todos temos a nosa hora].

  456. ten as mans moi suaves. Ten amores con varias mulleres. Orixinal: ten as maus mui suaves.

  457. ten as orellas grandes coma un burro. [Dito burlesco].

  458. ten as uñas longas. É raspuñeiro, que colle o que non é seu. Orixinal: ten as uñas largas.

  459. ten bo cu para os azoutes. 1. Ten un bo cu. 2. Pode ser castigado se o merece. Orixinal: ten bon cu prós azoutes.

  460. ten bo vélaro. Ten un bo dote [polo vélaro, a la da ovella ao rapar). Orixinal: ten bo verlo.

  461. ten boa colada. Todo lle vale, sexa para ben ou para mal.

  462. ten cara de can. 1. Ten moi mal xenio. 2. Está [un día] moi ruín, de mal tempo.

  463. ten cara de ferreiro. Ten mal xenio, cara de enfado.

  464. ten cinestro. Ten teima [por algo], cisma.

  465. ten dentes de rato. Ten os dentes pequenos e raros.

  466. ten dúas caras coma os de Buciños. [Dise da xente da parroquia de Buciños –concello de Carballedo- porque a lámpada da igrexa ten dúas caras].

  467. ten lingua de víbora. É moi ferinte falando dos demais. Orixinal: ten lengua de víbora.

  468. ten máis que dicir o que caga a cama có que a limpou. [Moitas veces o culpable sempre ten máis que dicir que o que sofre as consecuencias].

  469. ten mans de prata. É moi xeitosa, sabe facer as cousas. Orixinal: ten maus de plata.

  470. ten narices de can. Cheira moi ben, ten bo olfacto, busca os olores.

  471. ten o cascabel no cu. Corre moito.

  472. ten o corazón negro coma a noite. Está moi desgustado e triste.

  473. ten o cu preso á casca do ovo. 1. Aínda está moi serodio. 1. Quere facerse ver máis do que é e aínda lle falta.

  474. ten o estómago cosido coma as costureiras. Come pouco [as costureiras que andaban polas casas comían pouco porque non se movían]. Orixinal: ten o estómago cosido coma as custureiras.

  475. ten o ril quente. Vai frío e anda en manga curta.

  476. ten o riso falso. Parece que se está rindo [dun], fai que ri. Orixinal: ten a risa falsa.

  477. ten o teo. 1. Non dá saído dunha doenza. 2. Non sabe que é o que ten, de que padece [o teo é unha doenza das ovellas que non se sabía ben o que era].

  478. ten oído de porco. Oe moi ben.

  479. ten ollos de gorrión. Ten os ollos pequenos.

  480. ten pel de sapo. Ten a pel como de galiña, asarrabullada.

  481. ten sete folgos como os gatos. Ten sete vidas, non morre aínda que teña moitas doenzas.

  482. ten un cu coma un cesto. Ten moito cu.

  483. ten un peito coma un lobo. 1. É unha persoa moi forte e dura. 2. É capaz de facer calquera tolería.

  484. ten unha boca coma unha alpargata. Ten unha boca moi grande. Orixinal: ten unha boca coma unha alparagata.

  485. ten unha lingua ben raspada. Atrévese a dicir calquera cousa. Orixinal: ten unha lingua ben raspada.

  486. téñoa coma meniña do ollo. Téñoa en moia estima.

  487. terceiro con quinto, casamento limpo. [Para casar xa non facía falta dispensa cando os graos de parentesco eran terceiro con quinto].

  488. tintín por tintín. Ben aclarado e explicado con detalle.

  489. tira para tras. Ten moi mal olor.  Orixinal: tira pa tras.

  490. tirarlle polo rabo á pega. Durmir.

  491. todo se di das mulleres, dos homes non se di nada, son borrachos, mullereiros, todo é unha trapallada. Ás mulleres todos se lles critica, aos homes todo se lles permite.

  492. todos queren meter a súa con día. Todos queren arranxar a súa vida antes e mellor cá dos outros [a xente procura recoller de día a herba seca ou outras colleitas antes de que se estraguen].

  493. trae o pelo á gremensa. [Así se dicía antes por rizar o pelo,facer a permanente].

  494. treme coma vara verde. Ten frío [a vara verde non ten consistencia, abala co aire]. Orixinal: tembla coma vara verde.

  495. un ano e un pan logo se van. O tempo corre axiña.

  496. un día de sol no febreiro come por cantos cabalos hai no reino. O sol en febreiro reseca as terras.

  497. un ovo sen sal sete anos fai mal. Non se deben comer os ovos sen salgar. Orixinal: un ovo sin sal sete anos fai mal.

  498. un xantar no Entroido, unha cama en agosto dánselle a calquera. [no Entroido faise moita comida, un máis non importa; en agosto non vai frío e dórmese de calquera xeito].

  499. unha vella de bagos xuntou cen canados. [Dise na vendima para animar os vendimadores a que apañen os bagos caídos no chan].

  500. unha vella e un candil son dous demos na casa, a vella roña que roña e o candil queimando a graxa. Dito humorístico. Orixinal: unha vella e un candil son dous demonios na casa, a vella roña que roña e o candil queimando a grasa.

  501. vai á casa da tía e non cada día. Faille visitas mais sen abusar.

  502. vai co rabo entre as pernas. Vai con vergoña e coa cara baixa porque fixo ou lle fixeron [así escapan os cans cando teñen medo ou lles rifan].

  503. vai contento como marrán da capa. Vai moi descontento. Orixinal: vai contento como marrau da capa.

  504. vai cos da feira e vén cos do mercado. Cambia de opinión moi facilmente.

  505. vai criado coma un porco. Vai malcriado, como se fose un animal.

  506. vai de mirras para as encollas. Vai para a vellez [primeiro vai o corpo mirrando e logo encollendo]. Orixinal: vai de mirras prás encollas.

  507. vai en pés de puta. Vai moi disparado, con moita présa.

  508. vai o ouro para o tesouro. Ao rico todo lle sae ben, todos os cartos lle veñen. Orixinal: vai o ouro pró tesouro.

  509. vai sen cabezadas. Vai sen freos, louco [á besta sen cabezadas non hai quen a controle]. Orixinal: vai sin cabezadas.

  510. vai tan contento que non lle cabe un garavanzo no cu. Vai moi contento.

  511. vai tirar pedras a un río. Non deas a lata, non importunes.

  512. vaiche quentar a pavana. Vaiche andar no lombo, bater.

  513. vaille como a pez en bota. Acáelle moi ben. Orixinal: vaille como o pez en bota.

  514. vaise moito do bico. Non garda os segredos, sóltase da lingua. Orixinal: vaise moito do bico.

  515. váiselle o tempo nos camiños. Ten os eidos lonxe da casa, ten que andar moito decote.

  516. vale máis dar a un pillo ca pedir a un home de ben. Vale máis dar aínda que se perda o emprestado, que ter que pedir emprestado.

  517. vale máis o que o sol deixa có que a auga cría. O sol é indispensable para que os froitos medren.

  518. vale máis onza de trato ca arroba de traballo. O tratante vive moito mellor co traballador.

  519. vale máis que comera unha bica de rapas. Saíu algo mal, mellor fora estar quieto [bica de rapas: o que quedaba na artesa que non facía masa].

  520. vale máis ser burra dun sardiñeiro ca muller dun zapateiro. Non é aconsellable casar cun zapateiro.

  521. vale máis un ruín acordo ca un bo preito. Gástase máis no preito ca chegando a un acordo desfavorable. Orixinal: vale máis un ruín arreglo ca un bon pleito.

  522. vale máis unha labazada a tempo ca un anaco de pan. Educa mellor un castigo preventivo ca un premio. Orixinal: vale máis unha bofetada a tempo ca un anaco de pan.

  523. vén á cantada do can. Volve moi tarde cando sae de noite.

  524. veña con Deus¡ Que quedemos co mesmo santo¡ [Saúdo e contestación]. Orixinal: veña con Dios¡ Que quedemos co mismo santo¡

  525. vénche polo río abaixo. Vén moi ben, moi a xeito, porque cumpría.

  526. veulle coma á burra os peidos. Acáelle moi ben [os peidos alivian á burra].

  527. vive para comer ou come para vivir. [Os dous xeitos de comer]. Orixinal: vive pra comer ou come pra vivir.

  528. vouche dar un corre verás coas pernas para tras. [(Díselles aos nenos para que se entreteñan e non dean a lata]. Orixinal: vouche dar un correverás cas pernas pra tras.

  529. vouche poñer o cu onde non o vexas. Vouche dar uns azoutes.

  530. xa é un home feito e dereito. Xa medrou, xa se converteu nun home.

  531. xa é zorro vello. Ten moita experiencia, non se deixa enganar.

  532. xa estou no cabo das contas. Xa estou de volta do asunto, non me enganan.

  533. xa lle cadra ben: cumpría que lle viñera e vén. Que ben que sucedeu.

  534. xa lle degola a cabeza. Xa vai indo cara abaixo, envellecendo.

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.